· Debido a este novo acordo o evento chamarase oficialmente Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.
· O ente provincial aumentará a súa presenza en tódolos espazos da Mostra.
A Mostra do Encaixe de Camariñas ve reforzada a aposta da Deputación da Coruña que, consciente da importancia do evento e da proxección internacional que está a ter ano tras ano, decidiu aumentar o seu apoio ao evento, que este ano celebrará do 8 ao 12 de abril a súa trixésima edición.
Así, tanto o Concello de Camariñas como a Deputación da Coruña, chegaron a un novo acordo para aumentar a presenza do ente provincial no evento, que xa apoiaba firmemente ano tras ano. A acción máis importante neste novo escenario será o cambio de nome da Mostra, que pasará a chamarse oficialmente Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, incorporando así como apelido á administración presidida por Valentín González Formoso.
Ademais, nesta edición a Deputación estará presente na imaxe oficial (carteis, vídeo, stands, camisetas...) da Mostra do Encaixe de Camariñas ao mesmo nivel que o Concello. Por outra banda, patrocinará tamén o primeiro premio do XXVII Concurso de Noveis Deseñadores.
Con este acordo o Concello de Camariñas consigue un novo apoio no seu camiño de aumentar a proxección, tanto nacional como internacional da Mostra, e tamén para conseguir a declaración como festa de interese turístico nacional.