· Sandra Insua destaca que “a pesar da nosa insistencia, Portos non colaborou nesta obra polo que nos vimos obrigados a asumir uns traballos que deberían corresponder a outra administración”.
Despois de anos pechada, os veciños de Camariñas poderán volver a facer uso da ponte da dársena. O Concello de Camariñas abrirá proximamente esta infraestrutura despois de rematar os traballos de reparación, que consistiron na instalación dun novo peche de cristal e unha varanda.
Tras as reiteradas negativas de Portos de Galicia para acometer ou colaborar na financiación das necesarias obras, xa que a maior parte dos cristais estaban rotos, o goberno local tivo que custear con fondos propios os traballos, que contaron cun orzamento de 15.000 euros.
A actuación consistiu na reparación dos paneis de cristais que estaban rotos e, ao mesmo tempo, instalouse un pasamáns cunha suxeición especial que contribuirá a evitar o deterioro dos cristais. Agora, o goberno local vai a instalar a iluminación e limpar a zona para, nun prazo máximo de 15 días, poder abrir a ponte ao público.
A alcaldesa, Sandra Insua, quixo destacar que “a pesar da nosa insistencia, Portos non colaborou nesta obra polo que nos vimos obrigados a asumir, polo ben dos veciños do noso concello e porque estamos cansos de ver como Portos descoida os seus bens, uns traballos que deberían corresponder a outra administración”.