O Concello

Departamentos

* O Circuíto da Camariña será o peche da Liga Galaica de Resistencia 3H BTT 2020 11/02/2020

O Circuíto da Camariña será o peche da Liga Galaica de Resistencia 3H BTT 2020

·        Hoxe tivo lugar o acto de presentación oficial da proba, que se celebrou na casa do concello.
·        O evento será o 16 de febreiro e comezará a partir das 10 horas.
·        As inscricións péchanse o próximo mércores, 12 de febreiro.  

O Concello de Camariñas, en colaboración coa peña ciclista Baikers do Vilán, organizan a proba ‘3H Resistencia Circuíto da Caramiña’ de BTT, que se celebrará o 16 de febreiro e que servirá como peche do circuíto da ‘Liga Galaica de Resistencia 3H BTT 2020’, que previamente se disputou en Ames e Noia.  

Hoxe, sábado 8 de febreiro, tivo lugar a presentación oficial da proba na que participaron a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa; o presidente da peña ciclista Baikers do Vilán, Ramón Martínez; e o secretario da peña, Pedro Romar.  

Sandra Insua destacou que desde o Concello preténdese “axudar a todos os deportes menos visibles e fomentar a súa práctica entre a cidadanía” e Fabián Canosa explicou que “apostamos decididamente por unha proba que fará que se acheguen a Camariñas máis de 200 persoas” e agradeceu o traballo do persoal de obras municipal, da Policía Local e Protección Civil “que foi moi importante para organizar o circuíto”.  

O concelleiro de Deportes tamén resaltou que “en diferentes categorías hai veciños de Camariñas que teñen posibilidade de acadar o primeiro posto, algo que aínda dá máis alicientes á proba” e salientou “a unión entre os tres clubs e os tres concellos que forman a Liga Galaica, que fixo posible que sexa unha realidade”.  

Ramón Martínez quixo agradecer ao Concello de Camariñas por ter esta iniciativa “de unirse á Liga Galaica, que é a primeira vez que se celebra e pensamos que é unha aposta importante para a Costa da Morte en xeral e para Camariñas en particular”.  

Pedro Romar animou aos veciños e veciñas de Camariñas a que se acheguen a ver a proba e “gozar dun día de festa, deporte e natureza” e o tesoureiro do club e encargado de organizar o tráfico, Marcos Martínez, agradeceu a colaboración “da Policía Local” e corroborou que a proba “non pasa por ningunha vía principal e, en canto a seguridade, está todo perfecto”.  

Características do circuíto  

A saída da proba está prevista para as 10 horas e terá lugar nas inmediacións do campo de fútbol municipal ‘Hermanas Patiño’. O circuíto consta de 6 quilómetros e estará debidamente delimitado, incluíndo tamén zonas con diferentes obstáculos, tanto naturais como artificiais.  

As inscricións están xa abertas e pecharanse o próximo mércores, 12 de febreiro, ás 23:59 horas. Poden participar todas as persoas que o desexen e que sexan maiores de 16 anos, anotándose directamente na web www.magmasports.es.

Haberá premios para os tres primeiros clasificados das diferentes  categorías, tanto para a modalidade masculina como para a feminina. En categoría individual divídese en Xeral, Xuvenil, Sénior, Veteranos A, Veteranos B e Veteranos C. A categoría de relevos de equipos de dous divídese en Masculina, Feminina e Mixtas. A categoría de relevos de equipos de tres tamén se divide en Masculina, Feminina e Mixtas.  

A entrega de premios celebrarase ao finalizar cada proba na zona de meta onde estará o pódium oficial e, na última proba do evento despois da entrega de premios desta, celebrarase a continuación a entrega dos premios finais da Liga.


© by Abertal