O Concello

Departamentos

* Camariñas quere que a Mostra do Encaixe sexa declarada como festa de interese turístico nacional 29/01/2020

Camariñas quere que a Mostra do Encaixe sexa declarada como festa de interese turístico nacional

  ·        A proposta levarase este venres ao pleno da corporación.  

O goberno local de Camariñas está convencido de que a Mostra do Encaixe cumpre todos os requisitos para ser considerada como festa de interese turístico nacional e, por iso, levará este venres, 31 de xaneiro, a pleno unha proposta para formalizar a solicitude.  

Os requisitos que establece o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para facer efectiva esta declaración son os seguintes:  

“A declaración de festa de interese turístico nacional outorgarase a aquelas festas ou acontecementos que, sendo declarados festa de interese turístico pola correspondente comunidade autónoma con polo menos cinco anos de antigüidade, supoñan manifestacións de valores culturais e de longa tradición popular, con especial consideración ás súas características etnolóxicas e que teñan unha especial importancia como atractivo turístico. Dita declaración realizada pola comunidade autónoma non poderá incluír a denominación de nacional”.  

Os pasos para que esta proposta sexa unha realidade pasan, nun primeiro lugar, por conseguir o informe favorable da Xunta de Galicia e, unha vez obtido este, solicitar á Secretaria de Estado de Turismo a declaración da Mostra do Encaixe de Camariñas como festa de interese turístico nacional.  

Para isto, os técnicos municipais xa prepararon un completo dossier no que se inclúe unha memoria explicativa cos orixes, historia ou o arraigo do evento na localidade; un resumo do plan de difusión da Mostra e o impacto que ten a nivel nacional; e tamén imaxes e vídeos tanto de diferentes actuacións promocionais como do propio evento.  

A alcaldesa, Sandra Insua, está “confiada de que máis pronto que tarde poidamos lograr este distintivo que nos axudará dun xeito moi importante a continuar impulsando a Mostra do Encaixe de Camariñas e a difundir os nosos valores e a nosa cultura por todo o territorio nacional”.


© by Abertal