O Concello

Departamentos

* Camariñas homenaxea a un dos seus referentes e bautiza o Pavillón Municipal Víctor Vigo 08/01/2020

Camariñas homenaxea a un dos seus referentes e bautiza o Pavillón Municipal Víctor Vigo

O Concello de Camariñas recoñeceu hoxe nun emotivo acto a traxectoria do deportista camariñán Víctor Vigo bautizando co seu nome o pavillón polideportivo que pasará a chamarse a partir de agora ‘Pavillón Municipal Víctor Vigo’.  

O acto, celebrado no propio pavillón, estivo guiado polo xornalista Terio Carrera e ademais do progatonista, Víctor Vigo, participaron a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa; e o presidente do Club Balonmán Camariñas, Andrés Cerdeiras.  

Despois dos pertinentes discursos disputouse un partido entre o ‘Equipo Víctor Vigo’ e o BM Camariñas e, para pechar o acto, as categorías base do club camariñán fixeron unha exhibición.  

Con esta iniciativa o goberno local recoñece a traxectoria deportiva de Víctor Vigo ao que Sandra Insua calificou como “o deportista máis importante nado no Concello de Camariñas na súa historia. Levou por case toda Europa o nome do Concello que o viu nacer hai trinta e cinco anos, facendo de embaixador do mesmo, alá por onde xogou e residiu. Non só é unha referencia para o Concello de Camariñas, quizais tamén sexa uns dos deportistas máis destacados de toda a Costa da Morte, e se valorásemos a súa especialidade deportiva, o balonmán, sería o xogador masculino máis destacado da provincia e un dos xogadores galegos máis significativo de todos os tempos”.


© by Abertal