O Concello

Departamentos

* Sandra Insua lembra a Portos que o Concello non ten ningún informe pendente para que se acometa proxecto de mellora da Lonxa 20/12/2019

Sandra Insua lembra a Portos que o Concello non ten ningún informe pendente para que se acometa proxecto de mellora da Lonxa

·        A alcaldesa expresou o seu malestar coa actitude amosada onte pola presidenta do ente autonómico debido aos danos ocasionados polo temporal.    

A alcaldesa do Concello de Camariñas, Sandra Insua, expresou hoxe o seu “profundo malestar” polas “desafortunadas declaracións” emitidas onte pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, debido aos danos ocasionados polo temporal no tellado da nova Lonxa nas que afirmaba que está pendente dun informe do Concello para poder licitar as obras de reforma do edificio.  

A rexedora encargou hoxe un informe á arquitecta municipal no que esta certifica que “non se ten pendente a emisión de ningún informe técnico municipal que impida á administración titular do inmoble executar as obras que se describen no proxecto e na memoria complementaria posteriormente presentada”.  

Ademais, neste documento tamén se deixa constancia de que o Concello ten emitidos un total de 5 informes con data 21/05/2018, 08/02/2019, 22/10/2019, 14/11/2019 e 22/11/2019 para incorporar ao necesario proxecto de acondicionamento e mellora da Lonxa de Camariñas que debe acometer Portos de Galicia.  

Sandra Insua manifestou tamén o seu descontento pola actitude adoptada onte polo departamento dependente da Consellería do Mar ante as incidencias ocasionadas polo temporal en elementos da súa propiedade. “Tivemos que contratar autónomos, aos que pagaremos con fondos municipais, para sinalizar a zona da nova Lonxa e previr danos por posibles desprendementos e nin sequera nos chamou a súa presidenta para darnos as grazas”.  

De todos modos, a alcaldesa agarda que “dunha vez por todas” as palabras da presidenta de Portos nas que afirmaba que “constatou a necesidade de realizar actuacións de emerxencia na lonxa para normalizar a situación o antes posible” sexan unha realidade e non só boas intencións, “das que xa estamos cansos”.

Descargas relacionadas


© by Abertal