· O acordo para a desafección do inmoble debe ser aprobado no pleno de mañá.
O goberno local de Camariñas levará ao pleno deste venres, 29 de novembro, unha proposta para a desafección da escola de Xaviña co obxectivo de acondicionala posteriormente para que poida funcionar como un espazo sociocultural.
O inmoble que anteriormente albergaba a escola de Xaviña é un ben municipal que no seu momento se cedeu á Consellería de Educación para que funcionase como centro educativo, un servizo que non se desenvolve desde hai anos.
Por iso, o acordo que se leva a pleno inclúe a solicitude da pertinente autorización á Consellería de Educación para que renuncie á concesión do uso deste inmoble e poder realizar os traballos necesarios para transformalo nun centro sociocultural que poida albergar as actividades ou eventos que se leven a cabo na parroquia de Xaviña.
O goberno local cre que “é necesario darlle xa un uso a este inmoble para evitar o seu deterioro co paso do tempo e que mellor que utilizalo para satisfacer o interese público dos veciños e veciñas tanto da parroquia de Xaviña como de todo o municipio”.