Camariñas celebra a Mesa de Coordinación Interinstitucional de Violencia de Xénero
· Participaron representantes do goberno do Estado, municipais, dos corpos de seguridade e dos centros educativos do municipio.
O Concello de Camariñas mantén o seu compromiso na loita para a eliminación da Violencia de Xénero e puxo en marcha a Mesa de Coordinación Interinstitucional nesta materia para coordinar e poñer en común entre os axentes implicados tódalas liñas de traballo e actuacións para abordar da mellor maneira esta problemática social dentro do noso contexto.
A esta mesa acudiron como representantes a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo; a Xefa da Unidade de Violencia de Xénero, Maribel Álvarez; o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Begoña Tajes; o sarxento da Garda Civil de Camariñas o representante da Policía Local, profesionais dos Servizos Sociais do Concello; representantes da dirección dos centros educativos (CEIP O Areal, CEIP O Allo, e IES Pedra da Aguia); así como unha consultora externa experta en Igualdade de Xénero.
A coordinación entre profesionais que interveñen en materia de Violencia de Xénero é esencial para un bo desenvolvemento e aplicación das actuacións de prevención e intervención en Violencia de Xénero. Ao rematar a xuntanza todas as persoas implicadas coincidiron na utilidade da mesma e da importancia e necesidade de seguir a facer un traballo coordinado, planificado e dirixido para un bo desenvolvemento das políticas de igualdade e para a eliminación da violencia de Xénero.