O Concello

Departamentos

* Camariñas destina 19.640 euros para as subvencións ás comisións de festas 12/11/2019

Camariñas destina 19.640 euros para as subvencións ás comisións de festas

·        O prazo de solicitude é de 10 días naturais desde mañá.
·        As subvencións poderán financiar ata o 40% das actividades propostas.  

O Boletín Oficial de Provincia publica hoxe as bases para as subvencións  en réxime de libre concorrencia ás comisións organizadoras das festas patronais e populares a celebrar en Camariñas. Nesta ocasión o Concello destina unha partida de 19.640 euros para axudar a sufragar os gastos dos festexos.  

Nas bases establécese que poderán ser obxecto de subvención só a festa patronal ou popular máis importante de cada núcleo poboacional: Camariñas, Buría, Xaviña, Santa Mariña, Ponte do Porto, Camelle e Arou. Serán: San Xurxo en Buría, San Pedro en Ponte do Porto, Virxe do Carme en Camariñas, Santa Mariña en Santa Mariña, Santa María en Xaviña, Virxe do Carme en Camelle e San Bartolo en Arou.  

Serán subvencionables os gastos de: contratación de orquestras ou grupos musicais, aluguer e xeradores de carpas, contratación de grupos folclóricos, corais, bandas de música e similares, contratación de espectáculos pirotécnicos e os pagos do SGAE e a contratación de seguros.  

O prazo para a presentación de solicitudes por parte das comisións de festas é de 10 días naturais contados a partir de mañá. As subvencións poderán financiar ata o 40% das actividades propostas. Establécese unha subvención mínima de 300 euros e unha máxima de 11.390,63 euros, que serán asignadas segundo os habitantes censados en cada lugar ou parroquia.  

O baremo utilizado indica que as subvencións máximas serán: para Camariñas 11.390,63 euros; Buría e Xaviña 1.500 euros, Santa Mariña 300 euros, Ponte do Porto e Camelle 2.250 euros e Arou 1.000 euros. O gasto mínimo a xustificar para o cobro da subvención máxima é de 28.476’58 euros para Camariñas, 3.750 euros para Buría e Xaviña, 300 euros para Santa Mariña, 2.250 euros para Ponte do Porto e Camelle e 1.000 euros para Arou.  

Se as facturas presentadas non chegasen a ese importe a cantidade da subvención diminuiríase proporcionalmente. A través deste sistema o goberno local pretende que as comisións se impliquen activamente na organización das festas e non dependan unicamente das subvencións.


© by Abertal