· Tivo lugar no Cemiterio dos Ingleses e o Concello dispuxo un bus gratuíto para os veciños e veciñas de Camariñas.
· Continúa a Ruta de Tapas na que participan 16 establecementos.
· Esta fin de semana levaranse a cabo Rutas Marítimas dos Naufraxios en kaiak e barcos de vela.
· Haberá rutas para escolares e representacións teatrais.
O Concello de Camariñas celebrou hoxe a acción central do programa dos ‘Naufraxios de Camariñas’, un evento que pretende reivindicar a historia do municipio a través de diferentes actividades, co acto conmemorativo polo 129 aniversario da traxedia do ‘HMS Serpent’, o cruceiro da Royal Navy que se afundiu en 1890 no corno da Punta do Boi deixando 173 vítimas.
O Cemiterio dos Ingleses acolleu ás 19 horas unha representación teatral e unha ofrenda floral aos náufragos da Costa da Morte. O Concello dispuxo un bus gratuíto para os veciños e veciñas que desexasen achegarse ata o cemiterio.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “A pesar de ser unha gran desgraza, o afundimento do Serpent marcou a identidade das xentes de Camariñas e tamén de toda unha comarca como a Costa da Morte, lugar de diferentes naufraxios históricos”.
“A homenaxe que hoxe levamos a cabo, e que se repite tódolos anos, é moi necesaria e fai moito ben para transmitir de xeración en xeración e manter no recordo para sempre a historia de cada un dos que aquí descansan e de todos aqueles aos que esta traxedia marcou a súa vida”, rematou a alcaldesa”.
Tapas dos naufraxios
Ademais, continúa ata mañá a ‘Ruta das Tapas dos Naufraxios’ na que os 16 establecementos participantes ofrecen, por 1 euro, tapas relacionadas cun barco naufragado en concreto. Participan nesta ocasión Bar Pinar, Café Bar A Ría, Cafetería Oasis, O Náutico Bar, O Portiño, Taberna do Bico, A Molinera, Bar Rotterdam, Pub Marítimo, Café Bar O Rosquilleiro, Casa Trabeiro, CunKCafé, La Tavernetta da Ponte, Pizzería Brasil, Restaurante-Pizzería A Xunqueira, Parrillada Rojo.
Para aqueles que enchan o cupón con 6 das tapas participantes o Concello de Camariñas sorteará 210 euros en premios. Un primeiro premio de 120 euros, un segundo de 60 euros e un terceiro de 30 euros. Ademais, todos os que proben as 6 tapas recibirán un agasallo dunha camiseta. O horario para probar as tapas da ruta é de 12 a 14:30 horas e de 19 a 21:30 horas.