· Sandra Insua e Sergio Caamaño reuníronse coa directora do ente autonómico para abordar esta e outras cuestións.
Acometer o saneamento integral de Xaviña é un dos obxectivos prioritarios para o goberno local. Por iso hoxe a alcaldesa alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Sergio Caamaño, mantiveron unha reunión coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para estudar as diferentes alternativas que hai sobre a mesa.
Debido ao alto custo que suporía a construción dunha depuradora na parroquia o Concello de Camariñas presentou hoxe unha alternativa máis económica que consiste en construír un colector en Xaviña para levar a rede de saneamento desde alí ata a depuradora existente en Dor. Ademais esta actuación tamén implicaría a conexión do núcleo de Dor coa depuradora, que actualmente non existe.
Augas de Galicia valorou positivamente a proposta pero explicaron que o máis adecuado sería estudar detalladamente a forma máis axeitada de implantar o saneamento en Xaviña, xa que é unha parroquia con núcleos de poboación moi esparexidos. Para isto, anunciou que incorporará o proxecto de Xaviña a un estudo de exemplos de depuración rural que o ente autonómico levará a cabo durante o próximo ano xunto coa Universidade da Coruña e que determinará o proxecto máis factible para o saneamento da parroquia.
No que si se pode avanzar a curto prazo é na conexión do núcleo de Dor á súa depuradora. Para isto, Teresa Gutiérrez, comprometeuse a axilizar esta actuación coa Consellería de Infraestruturas dirixida por Ethel Vázquez e o goberno local de Camariñas tamén solicitará unha reunión coa conselleira para tratar este tema.
Outros temas
Sandra Insua e Sergio Caamaño tamén lle recordaron á directora de Augas de Galicia a autorización pendente por parte da entidade que dirixe para poder levar a cabo do proxecto para renovar a rede de augas en Camariñas, do que xa dispón o Concello. Esta comprometeuse a axilizar os trámites para que se poida levar a cabo a obra o antes posible.
Ademais, o Concello de Camariñas tamén ten pendentes a autorización de Augas de Galicia para acometer as obras de saneamento en Río do Cura e Sixto, na parroquia de Ponte do Porto, e de Mollados, na parroquia de Xaviña.
Por último, Teresa Gutiérrez aproveitou este encontro para explicarlles aos representantes do goberno local de Camariñas en que consiste o proxecto de Augas de Galicia para crear unha sociedade para a xestión da auga nos municipios.