Sandra Insua reafirma o apoio da Deputación para comezar a licitación do Centro de Día no ano 2020
· Tanto a Deputación como o Concello instan á Xunta de Galicia a sumarse a un proxecto que debería ser da súa competencia.
· Valentín González Formoso comprometeuse a visitar Camariñas para abordar máis actuacións no municipio.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o seu equipo de goberno, mantiveron hoxe unha reunión co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na que o mandatario do ente provincial reafirmou o apoio da administración que dirixe para a construción do Centro de Día de Camariñas.
González Formoso comprometeuse a incluír nos orzamentos da Deputación para o ano 2020 unha partida de 360.000 euros para esta actuación. O Concello de Camariñas dispón dunha memoria que valora en 540.000 euros os traballos polo que, tanto desde a Deputación como desde o propio Concello, faise un chamamento á Xunta de Galicia para que se involucre nun proxecto que debería ser da súa competencia.
Sandra Insua aproveitou para amosar o seu descontento coa política da Xunta neste ámbito xa que "mentres que continuamente nega o apoio a Camariñas, si que se compromete a financiar o centro de día noutros municipios". A rexedora anunciou que pedirá nas vindeiras datas unha reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para pedir explicacións e solicitar o apoio do ente autonómico.
Insua tamén explicou que nos próximos meses estará elaborado o proxecto para poder iniciar a comezos de 2020 as expropiacións necesarias no terreo disposto polo Plan Xeral para a construción do Centro de Día.
Beirarrúas en Camelle
No encontro Sandra Insua tamén conseguiu o compromiso do presidente provincial para incluír nos orzamentos de 2020 da Deputación un proxecto para a construción de beirarrúas na entrada de Camelle.
Por outra banda, Valentín González Formoso confirmou que as obras para a Ponte do Porto continúan a cumprir os trámites necesarios e comprometeuse a levar a cabo unha visita a Camariñas proximamente e coñecer así de primeira man unha serie de actuación das que a alcaldesa lle entregará a memoria para que as estude: a Casa da Cultura de Ponte do Porto, o pavillón de Camelle e a reforma da casa consistorial.