· O Concello de Camariñas, tal e como se comprometera en nome da súa alcaldesa, Sandra Insua, instaloulle nos pasados días unha rampa metálica.
O veciño de Camariñas que solicitara unha rampa de acceso á súa vivenda na rúa Trashortas xa dispón desta infraestrutura, logo do compromiso adquirido por parte do Concello, en nome da súa rexedora, Sandra Insua.
Despois dos trámites pertinentes, xa que no momento da solicitude, esta rúa peonil estaba en fase de obras, realizouse unha intervención nos pasados días mediante a cal se instalou na porta da vivenda unha rampa metálica retráctil, que poderá empregar sempre que a necesite e quedará ‘dobrada’ cara a parede para un maior benestar dos peóns.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, comenta que “logo de toda a polémica que suscitou este tema, estamos moi contentos de poder ofrecer un servizo de alta necesidade a un veciño que o necesitaba, e iso é o único que nos debe importar agora”, sentencia.