O Concello

Departamentos

* Camariñas aproba en pleno a adhesión ao xeoparque da Costa da Morte 30/07/2019

Camariñas aproba en pleno a adhesión ao xeoparque da Costa da Morte

·        Na primeira sesión plenaria ordinaria desta lexislatura tamén se aprobou o recoñecemento extraordinario de pago de 224.000 euros en facturas.  
·        O BNG presentou unha moción para solicitarlle á Xunta de Galicia unha cobertura solvente para o servizo de pediatría, ao que o grupo de goberno engadiu unha enmenda para o servizo de médico de cabeceira.    

O Concello de Camariñas aprobou onte, venres 26 de xullo, na primeira sesión ordinaria desta nova lexislatura, a adhesión do municipio camariñán ao xeoparque da Costa da Morte.  

Este proxecto está baseado no aproveitamento sostible dun patrimonio xeolóxico de valor excepcional e que supón un área de 2.000 quilómetros cadrados, desde Laracha ata Carnota. A incorporación de Camariñas ao xeoparque suporá unha repercusión tanto económica como ambiental, potenciando o ‘xeoturismo’ rural.  

Outro dos puntos que se aprobou foi o recoñecemento extraordinario de pago en facturas, REC, por un valor de 224.000 euros.  

O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción para unha cobertura ampla do servizo de pediatría, no que o grupo de goberno entrou en debate e ampliou este punto, incorporando tamén o servizo de médico de cabeceira.  

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, valorou moi positivamente esta primeira sesión plenaria da nova corporación, na que “se aprobaron por unanimidade puntos moi importantes para o noso concello.”  

Insua valora como “tremendamente positivo o consenso acadado nesta primeira sesión plenaria. Todos os grupos remamos nunha mesma dirección. O tema dos médicos é algo que levamos tempo demandando e esperamos dar solución o antes posible”, destacaba.

Por outra banda, a alcaldesa considera “moi interesante a adhesión de Camariñas ao xeoparque da Costa da Morte porque servirá para poñer en valor a nosa contorna, e todo o que sexa potenciar o noso municipio neste aspecto será benvido”.  


© by Abertal