· A rexidora púxose en contacto co xerente do Sergas para coñecer de primeira man a situación.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, preocupada pola posible insuficiente presenza de médicos que se pode dar nos meses de verán nos centros de saúde do municipio, chamou ao xerente do Sergas, Luis Verde, para coñecer de primeira man como se cubrirán as vacacións dos médicos de cabeceira.
Luis Verde trasladoulle a Sandra Insua que a política do Sergas para cubrir este tipo de ausencias é que, nos centros nos que habitualmente só hai un facultativo como é o caso de Ponte do Porto, se cubrirá sempre a súa marcha, pero nos que hai dous médicos durante todo o ano, como ocorre en Camariñas, mentres só colla vacacións un destes actualmente non é prioritaria a súa cobertura e só se fará se hai dispoñibilidade.
De todos modos o xerente do Sergas aseguroulle á rexidora que estará pendente da situación de Camariñas xa que a época estival é un dos momentos do ano nos que aumenta a poboación do municipio debido ao turismo.
Sandra Insua manifestou o seu “malestar” con esta decisión do Sergas e asegurou que “desde o goberno local estaremos pendentes e vixilantes para que durante estes meses se ofreza nos centros de saúde un servizo digno a todos os veciños e veciñas de Camariñas e tamén aos visitantes que se achegan ao noso Concello para gozar das súas vacacións”.