O Concello

Departamentos

* Camariñas aposta pola conservación do seu patrimonio e crea a concellería de Limpeza e Ornato 02/07/2019

Camariñas aposta pola conservación do seu patrimonio e crea a concellería de Limpeza e Ornato

·        Hoxe tivo lugar unha sesión plenaria na que se delimitou a estrutura e o funcionamento da nova corporación.  

Hoxe o Concello de Camariñas celebrou un pleno extraordinario que serviu para delimitar definitivamente a estrutura e o funcionamento da nova corporación para a lexislatura que acaba de iniciarse. Como principal novidade con respecto ao anterior mandato destaca a creación da concellería de Limpeza e Ornato, unha clara aposta do goberno local a favor da conservación do patrimonio de Camariñas.  

Na sesión plenaria tamén se determinou o réxime de traballo dos concelleiros. Neste mandato, Camariñas mantén as dedicacións coas que comezou a pasada lexislatura a pesar de contar cun concelleiro máis e as mesmas que hai desde 2007. Así, desempeñaranse en réxime de dedicación exclusiva a Alcaldía; a Concellería de Urbanismo, Medio Ambiente e Emprego; e a de Cultura, Encaixe e Turismo. Por outra banda, a dedicación parcial será para a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade.  

A retribución bruta anual, dividida en 14 pagas, será de 33.984’44 euros para Alcaldía, de 21.380’46 euros para as dedicacións exclusivas e de 13.098’26 euros para a parcial. Sandra Insua destacou que “os soldos están moi por debaixo do que permite a lei e o de Alcaldía, ao contrario que ocorre noutros concellos, non se aumenta desde a época de Juan Bautista”.  

Ademais, tamén se aprobaron as indemnizacións por asistencias aos órganos colexiados para os membros da corporación que non teñan dedicación que será de 100 euros polas sesións plenarias, 150 euros polas Comisións Informativas de Asuntos Xerais e da Comisión Especial de Contas e 100 euros polas Xuntas de Goberno Local.  

Este punto foi aprobado cos votos a favor do PSOE e un concelleiro do PP, en contra de dous concelleiros do PP e o BNG, e a abstención de un concelleiro do PP.  

O pleno tamén serviu para dar conta da organización do novo goberno local. A Alcaldía é de Sandra Insua, a Concellaría de Urbanismo, Medio Ambiente e Emprego será para Sergio Caamaño; de Cultura, Encaixe e Turismo para Encarna Liñeiro; a de Educación e Deporte para Fabián Canosa; a de Comercio para Lara Pasantes; a de Servizos Sociais e Igualdade para Begoña Tajes; e a de Limpeza e Ornato para Germán Camiño. Sergio Caamaño será o primeiro tenente de alcalde, seguido de Encarnación Liñeiro, Fabián Canosa e Lara Pasantes.  

Por último, entre outros asuntos, fixouse por unanimidade a periodicidade das sesións plenarias que se mantén con respecto ao anterior mandato, celebrándose os últimos venres dos meses impares ás 20 horas.  Ademais, o concelleiro do Partido Popular, Santiago Pose Parga, tomou hoxe posesión do seu cargo ao non poder asistir ao pleno de investidura


© by Abertal