A praia de Arou entre as 38 praias da provincia da Coruña con Bandeira Azul pola súa seguridade, limpeza e boa calidade da auga ·
O Museo Man de Camelle recibiu á súa vez o distintivo de Centro Azul, e o Sendeiro da Costa da Morte o de Sendeiro Azul.
A praia de Arou, do Concello de Camariñas, está entre as 38 praias da provincia coruñesa galardoadas con Bandeira Azul este 2019. O distintivo garante que nas praias que o teñan exista información, educación e xestión ambiental, unha boa calidade da auga de baño, accesos sinxelos e seguros, e a presencia dun equipo de socorrismo axeitado. Este premio é concedido por un xurado internacional presidido pola Fundación Europea de Educación Ambiental (FEE), e outorgado en España pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC-FEE).
O concello recibiu dous distintivos máis. Un foi para o Museo Man de Camelle, recoñecido como Centro Azul por ter entre os seus obxectivos a educación ambiental e o desenvolvemento sostible. O terceiro, e último, foi o recoñecemento de Sendeiro Azul do Sendeiro da Costa da Morte. Os itinerarios recoñecidos como tal nacen e unen as praias, portos ou centros galardoados coa bandeira azul. Con este recoñecemento preténdese impulsar os valores naturais, culturais e patrimoniais dos municipios con Bandeira Azul, recoñecendo a labor do concello de Camariñas en materia de recuperación e protección da contorna, de servizos e infraestruturas e de promoción da educación ambiental.