· A alcaldesa Sandra Insua firmou un convenio coa empresa
A empresa Stolt Sea Farm, dedicada á explotación da acuicultura e que conta cunha planta de produción de peixes planos no Cabo Vilán de Camariñas, será un dos principais patrocinadores da XXIX Mostra do Encaixe que se celebrará do 17 ao 21 de abril.
Así o acordaron a alcaldesa do Concello de Camariñas, Sandra Insua, e o Director de Relacións Institucionais de Stolt Sea Farm, Emilio Ferro, nunha reunión na que se estableceron as principais liñas do convenio de colaboración entre ambas entidades.
A acuicultura é un sector de importancia estratéxica para Camariñas, e Stolt Sea Farm constitúe na actualidade unha das máis importantes actividades económicas do municipio polo volume de riqueza e traballo que xera, o que fai que os veciños e veciñas da vila recoñezan e se sintan identificados coa marca.
Así, a empresa aportará unha importante contribución para a promoción do Encaixe de Camariñas, co obxectivo de financiar as actividades que sexan necesarias para poñer en valor á muller como elemento dinamizador do municipio a través da súa labor de palilleira.
Polo tanto, e como contraprestación, a imaxe corporativa de Stolt Sea Farm estará presente durante toda a Mostra do Encaixe e tamén nas actividades previas e posteriores que se leven a cabo relacionadas co evento.