Do 12 ao14 de abril unha delegación do concello de La Turballe visitará Camariñas e a Mostra do Encaixe. Esta pequena cidade situada na costa francesa da rexión do Loira e no xeodestiño turístico Côte Bretagne Plein Sud, ten características similares a Camariñas .Os dous concellos queren iniciar un proceso de irmandamento , intercambios e colaboración mutua.
Ámbolos dous son concellos menores de 6.000 habitantes, con portos pesqueiros de sardiña e bocarte e teñen espazos protexidos pola Rede Natura. O turismo está vinculado ao seu medio natural e teñen actividades deportivas e culturais moi vinculadas ao mar, como son as romerías marítimas en honor aos mariñeiros. (Festas da virxe do Carme e de Santa Ana respectivamente)
A delegación francesa está composta por sete persoas: Jean- Pierre Branchereau, alcalde, Emmanuel Roy, concelleira de Cultura, Nadine Coëdel, concelleira de Turismo, Domique Floc´h, interprete e presidenta da asociación "La Turballe CapCamariñas" e os representantes desta entidade: Philippe Glaud, Marie-Hélène Foulon e Jean-Pierre Foulon.
O Concello de Camariñas ten elaborado un intenso programa de actividades para esta delegación que inclúe unha sesión de traballo con representantes de diferentes sectores municipais, percorrido pola Mostra de Encaixe e visitas guiadas polo Concello.
Nestes días realizaranse os primeiros contactos entre alcaldes e representantes do tecido empresarial e asociativo local, para definir a folla de ruta do irmandamento. O xoves 13 de abril, ás 10:30 horas, no stand municipal da Mostra de Encaixe farase unha presentación á prensa dos resultados da visita.