A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na Orde do 19 de setembro de 2016 aproba as bases e se procede á convocatoria de axudas para o inicio de estudos universitarios no curso 2016/17.
O obxecto é convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula universitaria dos alumnos e alumnas que inicien estudos universitarios no curso 2016/17 no Sistema universitario de Galicia, conducentes á obtención dun título oficial de grao.
a) Acreditar unha cualificación nas probas de acceso á universidade (PAU) ou noutras ensinanzas que lle permita o acceso cunha nota media igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos, excluíndo a fase específica.
b) Posuír a nacionalidade española, ou doutro país da Unión Europea ou de países terceiros, cando se acredite a condición de residente en España. Quedan excluídos os que se atopen en situación de estadía.
c) Estar matriculado por primeira vez en primeiro curso nunha universidade do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2016/17, dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas conducentes á obtención dun título oficial de grao.
d) Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior ao correspondente aos estudos para os cales solicita a axuda.
e) Non estar incluídos/as nos casos de exención total de matrícula previstos no artigo 11 do Decreto 80/2016, do 23 de xuño (DOG nº 131, do 12 de xullo), polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2016/17.
f) Que a renda da unidade familiar non supere os seguintes limiares:− Familias de 1 membro: 14.112 euros.− Familias de 2 membros: 24.089 euros.− Familias de 3 membros: 32.697 euros.− Familias de 4 membros: 38.831 euros.− Familias de 5 membros: 43.402 euros.− Familias de 6 membros: 46.853 euros.− Familias de 7 membros: 50.267 euros.− Familias de 8 membros: 53.665 euros.A partir do oitavo membro engadiranse 3.391 euros por cada novo membro computable da familia.
g) Non ter recibido esta axuda en convocatorias anteriores.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED441C dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.