Despois do primeiro encontro internacional da Rede Rural Europea celebrado a principio de mes en Camariñas, hoxe 10 alumnos de 3º da ESO e dous profesores do IES Pedra da Aguia de A Ponte do Porto (Camariñas) emprenderon viaxe rumbo á pequena localidade italiana de Scandiano (cerca de Bolonia) para participar no Encontro Europeo do proxecto “Back to the future” do que é socio o Concello de Camariñas.
O proxecto poñerá en contacto delegacións de Gran Bretaña, Bélxica, Rep. Checa, Letonia, Croacia, Suecia, España e Italia. Dentro deste Encontro, no que se celebra o 50º aniversario do primeiro irmandamento de Scandiano, haberá obradoiros, conferencias, unha exhibición fotográfica e actuacións en directo. Estas xornadas prolongarase ata o domingo 22 de marzo e nelas autoridades municipais, políticos europeos, empresarios e estudantes darán a coñecer as súas inquedanzas dentro do marco europeo, compartirán as súas experiencias de irmandamento e contrastarán a visión da xente nova e adulta respecto do futuro común. Os rapaces de Camariñas, ademais de participar nos obradoiros, presentarán tres vídeos: sobre Galicia, Camariñas e o terceiro, elaborado por eles mesmos, sobre o Instituto. A súa participación rematará coa actuación en directo bailando dúas muiñeiras.
Hai dous anos o IES Pedra da Aguia recibiu o premio Euroescola do Consello de Europa e parte do alumnado participou no encontro europeo do proxecto YPAD, Xuventude e Desenvolvemento organizado polo Concello de Camariñas e pertencente tamén ao programa Europa da Cidadanía.