Camariñas solicita este ano unha subvención para continuar co servizo de orientación laboral. Os fondos cos que se financia este servizo son da Xunta de Galicia, Fondo Social Europeo e fondos propios do Concello de Camariñas. A labor deste servizo é informar, orientar, motivar e asesorar na busca de emprego e formación. Ademais divúlganse os servizos do Servizo Público de Emprego de Galicia, ofertas de emprego, itinerarios profesionais de inserción (IPIs) e formación, entre outros.
Margarita Seijas é a orientadora laboral do Concello de Camariñas e leva dende hai anos facendo un excelente traballo como así se constata na enquisa que se lle pasa aos usuarios. Nesta enquisa os aspectos que acadan porcentaxes de satisfacción máis altos son os relacionados co servizo prestado pola técnica de orientación laboral alcanzando nalgúns casos o 90%.
Nestes anos de crise aumentou o número de persoas que veñen a buscar orientación. O cambio continuado da estrutura económica e a incoherencia entre as expectativas e as demandas de emprego e ofertas incrementou a necesidade da solicitude do servizo de orientación.
Entre febreiro 2013 – 15 xaneiro 2014 realizáronse 139 orientacións por axenda (fóra de axenda moitas máis), finalizáronse 11 IPIs e iniciáronse 3, realizáronse 57 entrevistas de seguimento e captáronse 5 ofertas de traballo cun total de 7 postos ofertados.
Axudouse na realización de 169 solicitudes de ofertas de emprego. As ofertas publicitadas eran das listaxes de contratación temporal da Xunta de Galicia, SEAGA, Natutecnia, GES de Ponteceso, Servizo Galego de Saúde, Concello de Camariñas, obradoiro de emprego, e outras contratacións.
En canto á formación, prestouse especial atención ás convocatorias de competencia dixital ofimática, probas libres de Graduado en ESO, CELGA, certificados de profesionalidade e acreditacións de competencias profesionais. En total tramitáronse 40 solicitudes.
Ademais, coma en edicións anteriores, impartíronse varios obradoiros de emprego aos que asistiron 43 alumnos en total que valoraron moi positivamente esta experiencia.
Por último, cabe destacar que o perfil na rede social Facebook co nome adlcamarinas da Axencia de desenvolvemento local alcanza xa 1390 seguidores que diariamente atopan información de interese relacionadas con emprego, formación e creación de empresa.
SERGIO CAAMAÑO FERNÁNDEZ
Concelleiro de Desenvolvemento Local, Mar e Turismo.
Concello de Camariñas.