O CONCELLO DE CAMARIÑAS PARTICIPA NUN OBRADOIRO SOBRE A XUVENTUDE E A INICIATIVA EMPRENDEDORA EN SUECIA
Durante a semana pasada tivo lugar en Pitea, Suecia, unha xuntanza dos coordinadores do proxecto europeo YPAD, Xuventude e Desenvolvemento. Este proxecto desenvolveuse durante dous anos a través de encontros nos seis municipios socios: Borgotaro e Forlí en Italia, Masku en Finlandia, Pitea, Ferrol e Camariñas. Camariñas acolleu o encontro de clausura o pasado mes de maio.
Os socios do proxecto YPAD constituíron unha rede de colaboración para abordar o desemprego e o emprendemento entre a xente nova. Para dar continuidade ao traballo realizado, o municipio de Pitea invitou aos socios do YPAD e a outras catro entidades do Reino Unido, Holanda, Romanía e, novamente, de Finlandia.
Emilio González, axente de desenvolvemento local do Concello de Camariñas, asistiu ao encontro no que participaron dezaseis persoas de sete países, seis do municipio anfitrión, e que estivo dirixido polo coordinador de proxectos europeos de Pitea, Dan Berggren.
Despois de coñecer e debater sobre as diversas situacións do desemprego xuvenil en cada país, e de compartir as experiencias e boas prácticas de cada entidade, os técnicos acordaron seguir cooperando e deseñar un proxecto sobre a promoción do emprendemento e da iniciativa emprendedora entre a mocidade. Este proxecto será presentado ante a Unión Europea o vindeiro ano para obter o necesario financiamento para o seu desenvolvemento.
O IES Pedra da Aguia foi parte activa no desenvolvemento do proxecto YPAD. O xefe de estudos asistiu ao encontro sobre Educación e Emprendemento en Finlandia, e un grupo de alumnos asistiu aos encontros de Ferrol e Camariñas, de feito unha das sesións celebrouse nas súas inhalacións. A Axencia de Desenvolvemento Local de Camariñas e o instituto van seguir colaborando este curso no ámbito do emprendemento no marco da materia “Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras”.
----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------