O concello, entidade colaboradora do SPEG (Servizo Público de Emprego de Galicia) da Xunta de Galicia cofinanciado polo Fondo Social Europeo desenvolverá nos meses de abril e maio diferentes cursos sobre busca de emprego co fin de facilitarlle ás persoas interesadas neste tema información e ferramentas que posibiliten o seu acceso ó mercado laboral.
Os distintos obradoiros serán gratuítos e estarán impartidos pola orientadora laboral, agás o de busca de emprego por Internet que será titorizado polo axente TIC da aula CeMIT e o de c.v. e cartas de presentación que será impartido por ambos profesionais.
En total ofértanse 5 cursos:
- 25 de abril. C.V. e cartas de presentación. Nesta xornada veranse os distintos tipos de c.v. así como os seus apartados, cartas de presentación e a súa estrutura. As persoas asistentes poderán elabora-lo seu c.v. así como modelos de cartas na aula informática do concello.
- 25 de abril. Busca de emprego por Internet. Este curso desenvolverase tamén na aula informática. Enviarase o c.v. mediante a páxina web de empresa, crearase o perfil en páxinas de busca de emprego e buscaranse ofertas nas ditas páxinas.
- 2 de maio. Busco traballo, por onde empezo?. Nesta sesión informarase sobre as principais fontes de información para o emprego, así como dos recursos de emprego e formación existentes na zona e a forma de acceder ós ditos recursos. Traballarase tamén na selección do obxectivo profesional
- 9 de maio. Procesos de selección de persoal e entrevista de traballo. Nesta ocasión veranse as distintas fases que compoñen un proceso de selección de persoal, con especial énfase nas probas de selección (tests psicotécnicos, dinámicas de grupo...) e nas entrevistas de traballo. Darase información tamén sobre como presentarse nunha empresa por teléfono ou de xeito presencial para buscar traballo.
- 16 de maio. Información laboral útil. Nesta xornada informarase sobre o contrato de traballo, o salario, a nómina, o “Estatuto de los trabajadores”, convenio colectivo, prestacións dependentes do SPEE (Servicio Público de empleo estatal) e o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria para persoas en situación de desemprego.
Os cursos terán lugar os mércores entre o 25 de abril e o 16 de maio de 10:00 a 13:30 horas, agás o de busca de emprego que se desenvolverá de 17:00 a 19:00 horas.
Para poder participar nos cursos é obrigatorio inscribirse con anterioridade nas instalacións municipais da Casa de Pedra coa orientadora laboral
Hai posibilidade de realizar tódolos cursos ou anotarse de xeito independente.
Ós cursos poden anotarse todas aquelas persoas que estean interesadas aínda que terán prioridade as persoas desempregadas
Máis información e inscricións:
CONTACTAR COA ORIENTADORA LABORAL
CASA DE PEDRA 981 73 70 04
mseijas.desenvolvemento@camarinas.net
LUNS A VENRES: 8:00 – 15:00