O Concello

Departamentos

* O Concello instala no paseo marítimo de Camariñas dous dos canóns do Castelo de Soberano restaurados 31/05/2021

O Concello instala no paseo marítimo de Camariñas dous dos canóns do Castelo de Soberano restaurados


Os canóns do Castelo do Soberano volveron a Camariñas, continuando así coa política do goberno local de preservación do patrimonio, tanto material como inmaterial, do municipio. As dúas pezas históricas xa locen no paseo marítimo de Camariñas tras ser restauradas.  

Chegaron a Camariñas tras rematar os traballos de restauración levados a cabo pola empresa pontevedresa contratada polo Concello co obxectivo de darlles unha nova vida a estes bens considerados dun alto valor patrimonial e que antes se atopaban resgardados no almacén municipal.  

A comezos deste mes de maio xa se iniciaron os traballos de acondicionamento da contorna do xardín do paseo marítimo de Camariñas, situado fronte ao local 'O Percebe', que foi o punto exacto escollido para o seu emprazamento.  

Unha restauración ao detalle  

A empresa encargada da restauración fixo un traballo de documentación e fotografiado dos canóns para coñecer con exactitude o seu estado de conservación e, posteriormente, poder elaborar unha proposta de intervención coas actuacións necesarias para restaurar os canóns que foi aprobada pola Dirección Xeral de Patrimonio antes de comezar a traballar.  

No proxecto estaba incluído o seu estado orixinal e as actuacións a seguir para recuperalo completamente, que foron: limpeza dos canóns para eliminar a sucidade e a corrosión do ferro, aplicación dun tratamento para quitar a sal e, por último, consolidalos e protexelos para que non se deterioren.  

O obxectivo é que, proximamente, poidan restaurarse os outros canóns restantes pero actualmente por motivos económicos non é posible realizar a actuación ao completo xa que o Concello fíxose cargo en solitario do financiamento dos traballos.  

A alcaldesa, Sandra Insua, lembrou que “un dos compromisos que adquirimos como gobernantes é a preservación e a posta en valor do noso patrimonio e neste caso cumprimos os dous obxectivos” e subliñou que “contribuirán a mellorar aínda máis, se cabe, a estética do paseo marítimo incorporando dous elementos de tan alto valor histórico”.


© by Abertal