O Concello

Departamentos

* O obradoiro dual de emprego “Camiño ao emprego” lanza catro rutas para dar comezo á Semana Santa 12/03/2021

O obradoiro dual de emprego “Camiño ao emprego” lanza catro rutas para dar comezo á Semana Santa

  • Os Concellos de Muxía, Camariñas e Vimianzo ofrecerán esta experiencia turística nos respectivos municipios.  

O alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego “Camiño ao emprego” na especialidade de Promoción turística local e información ao visitante organiza catro rutas para o comezo de Semana Santa. Os Concellos de Muxía, Camariñas e Vimianzo serán os encargados de acoller aos visitantes para desfrutar desta experiencia cultural.  

Os eventos comezarán o día luns 29 de marzo cunha ruta pola vila de Camariñas chamada “A muller, o encaixe e o mar” que pretende poñer en valor a figura das mulleres na vila mariñeira.  

A hora de saída será as 11:00 horas da mañá xunto á estatua da muller e terá unha duración aproximada dunha hora e media. O martes 30 poderemos asistir a unha visita guiada polo castelo de Vimianzo para coñecer a historia do seu concello e da fortaleza medieval. O punto de encontro terá lugar na entrada do Castelo ás 11:00 horas da mañá e durará sobre corenta minutos.  

Para rematar estas xornadas teremos o mércores 31 de marzo dúas visitas pola vila de Muxía. Ás 11:00 horas da mañá poderemos asistir á ruta “Coído, zona cero” para coñecer a realidade do Prestige e visitar o Museo do Voluntariado. Cunha duración duns corenta minutos aproximadamente terá como punto de partida a praza do Coído.  

Por último, ás 12 da mañá, tamén neste municipio, ofrecerase un agradable paseo pola costa muxiana co roteiro “Vila de salitre” que amosará a cultura mariñeira deste lugar onde se unen realidade e misterio.  

As visitas guiadas terán un aforo limitado a catro persoas por mor das restricións sanitarias polo que será necesario anotarse previamente por vía telemática, indicando nome e teléfono de contacto, ao seguinte correo electrónico: turismo.caminoaoemprego@gmail.com.


© by Abertal