O Concello comeza o reparto de composteiros ás novas familias do programa de compostaxe 10/03/2021
O Concello comeza o reparto de composteiros ás novas familias do programa de compostaxe
- Terán lugar o venres 12 na Casa de Pedra en Camariñas pola mañá e na Casa da Cultura da Ponte do Porto pola tarde e o martes 16 na Casa da Sociedá de Xaviña pola mañá e no Museo de Man en Camelle pola tarde.
O Concello de Camariñas lanza a segunda fase do programa municipal para promover a compostaxe doméstica entre a veciñanza, ‘Camariñas Composta’, subvencionado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e polos fondos FEDER, co inicio do reparto de composteiros a todas as novas familias participantes.
Os repartos terán lugar o venres 12 na casa de Pedra en Camariñas pola mañá (desde as 10 horas) e na Casa da Cultura de Ponte do Porto pola tarde (desde as 16 horas) e o martes 16 na Casa da Sociedá de Xaviña pola mañá (desde as 10 horas) e no museo de Man en Camelle pola tarde (desde as 16 horas).
Ademais, os novos usuarios e usuarias serán citados para participar nas accións formativas, que se levarán a cabo en grupos pequenos divididos por parroquias e seguindo todas as medidas de seguridade e distanciamento social requiridas polas autoridades sanitarias.
A súa formación e o seguimento personalizado correrá a cargo das técnicas de Amigos da Terra, que acompañarán a estas familias ao longo do proceso a fin de resolver dúbidas e solucionar problemas, capacitándoas para que elas soas continúen o proceso. Para máis información: María Durán, técnica de Amigos da Terra 671865839.
De tódolos xeitos o prazo de inscrición para sumarse ao programa de compostaxe segue aberto e o único requisito para formar parte é, ser veciño/a do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a a formar parte desta iniciativa educativa e formativa. Para anotarse poden chamar ao teléfono 981 737 004 ou enviar un correo a
medioambiente@camarinas.net.
Sergio Caamaño, concelleiro de Medio Ambiente, cre que “a compostaxe realizada a nivel domiciliario é unha alternativa moi interesante en municipios que contan cunha parte importante da súa poboación vivindo nun medio rural, como é o caso da gran parte da poboación de Camariñas; xa que, á marxe dos baixos custos de instalación e mantemento, e do aforro de enerxía, permite que sexa a propia cidadanía quen peche o ciclo da reciclaxe dos residuos, resultando á vez un instrumento de gran valor para a concienciación e a educación ambiental”.
Programa de compostaxe de Camariñas O Concello de Camariñas, xunto con Amigos da Terra, acordaron como obxectivos para este proxecto: ampliar o proxecto a novos domicilios buscando chegar a 200 novas familias e ofrecer tamén a posibilidade de participar aos centros de ensino.
Cando as familias compostan nos seus fogares os restos orgánicos derivados da alimentación, céspede, podas… están aforrando entre o 40-50% do peso dos residuos sólidos urbanos, evitando o seu transporte a plantas de xestión, cos consumo enerxético asociados ao seu tratamento.
No contexto actual de loita contra o cambio climático, a compostaxe da materia orgánica en orixe é unha acción real e de grande alcance para diminuír as nosas emisións nun curto espazo de tempo. Con esta práctica reducimos o lixo que vai ao contedor verde ao tempo que facilitamos a súa conversión en compost, un fertilizante natural para a horta, corrector da estrutura do chan, protector contra a erosión e substrato de cultivo.