O Concello

Departamentos

* O obradoiro dual de emprego "Camiño ao emprego" comeza a súa actividade en Camariñas 08/03/2021

O obradoiro dual de emprego

  • Os participantes na actividade de conservación e mellora de montes comezaron as tarefas de roza, limpeza e poda no monte da Covadiña de Brañas Verdes (Aldea Madeira).
  • A especialidade de turismo está traballando nunha visita guiada que leva por nome ‘A muller, o encaixe e o mar’.   

O alumnado do Obradoiro Dual de Emprego ‘Camiño ao Emprego’ promovido polos concellos de Camariñas, Muxía e Vimianzo, da modalidade ‘actividades auxiliares en conservación e mellora de montes’ comezou as tarefas de roza, limpeza e poda no monte Covadiña de Brañas Verdes (Aldea Madeira).  

O alumnado-traballador, composto de 12 alumnos e alumnas, será o encargado de mellorar o estado deste espazo baixo a formación e organización do seu monitor Manuel Remuiñán.  

Por outra banda a especialidade de turismo, composta por 8 alumnos e alumnas coa monitora Sandra Pesqueira ao fronte, está traballando no deseño e execución dunha visita guiada que leva por nome “A muller, o encaixe e o mar” na que trata de por en valor todo o relativo aos oficios desenvolvidos polas mulleres no concello camariñán.  

Esta visita realizarase como actividade dirixida, tanto ao público en xeral coma á veciñanza na próxima Semana Santa, en concreto o luns 29 de marzo ás 11:00 horas, cumprindo cos protocolos COVID establecidos polas autoridades sanitarias. As persoas interesadas en participar deberán enviar un correo electrónico ao enderezo electrónico turismo.caminoaoemprego@gmail.com aportando os datos completos das persoas que desexen participar, a súa idade e un telefono de contacto.  

Camiño ao emprego  

O pasado 28 de decembro deu comezo en Muxía o Obradoiro Dual de Emprego promovido polos Concellos de Muxía, Camariñas e Vimianzo. Dirixido por Lidia Varela consta de dúas especialidades, por unha banda,  “actividades auxiliares en conservación e mellora de montes” e pola outra “promoción turística local e información ao visitante”.  

O obxectivo do obradoiro emprego é mellorar a ocupabilidade das 20 persoas participantes no proxecto co fin de acadar a súa inserción laboral a través da obtención dun certificado de profesionalidade e da adquisición de práctica profesional.


© by Abertal