O Concello

Departamentos

* O Concello reactiva o programa "Eu Son Camariñas" para dar visibilidade aos camariñáns senlleiros 03/03/2021

O Concello reactiva o programa

  • Cada mes publicarase na páxina web www.eusoncamarinas.es un vídeo cunha entrevista a un veciño ou veciño de Camariñas que destaque no seuámbito profesional, académico, deportivo, artístico ou social. 
  • O escritor Víctor Fernández Alves, do barrio do Campo, é o encargado de inaugurar esta nova sección da campaña e ademais será o condutor do espazo nos próximos capítulos.
  • Sandra Insua explicou que “a nova etapa deste proxecto tamén pretende inculcar un chisco de esperanza a todos os nosos veciños e a toda esta xeración que está a formarse dentro das escolas de todo o concello”.   

O Concello de Camariñas reactiva o programa ‘Eu Son Camariñas’, un proxecto municipal creado para dar visibilidade a diversos camariñáns que destacan no seu ámbito profesional, académico, deportivo, artístico ou social.  

Despois de dous anos desde a súa estrea, e a pesares de non poder continuarse no 2020 por mor da pandemia do COVID-19,  o programa ‘Eu Son Camariñas’ volve a retomarse no 2021. A nova proposta consiste en publicar mensualmente na páxina web www.eusoncamarinas.es un vídeo cunha entrevista a un destes camariñáns senlleiros.  

O encargado de inaugurar esta nova sección da campaña é o escritor Víctor Fernández Alves, do barrio do Campo en Camariñas, de nai xaviñana e pai de Santa Comba, que creceu na mítica Rúa do Bico. Alí dou as súas primeiras patadas ao que foi unha das súas paixóns, o fútbol, aínda que pronto sería substituído pola súa verdadeira vocación: a literatura. Neste primeiro capítulo da serie de entrevistas Víctor preséntase como o condutor deste espacio audiovisual onde se amosarán a eses veciños do concello de Camariñas máis aplicados.  

Eu Son Camariñas  

Un dos propósitos orixinais do proxecto consistía en dar visibilidade aos camariñáns que lograron notoriedade ao longo da historia, tanto dende a nosa vila como dende a diáspora. Ademais pretendíase crear un escaparate dende o cal se reflexe o traballo desa xuventude estudosa, traballadora e emprendedora do Concello de Camariñas. Crear unha ventá que amose ao mundo todas as virtudes desas artesás, deportistas, escritores, mariños, empresarios... pequenas historias das nosas xentes que deu e seguirá dando este concello cheo de talento.  

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou que “a nova etapa deste proxecto tamén pretende inculcar un chisco de esperanza a todos os nosos veciños e a toda esta xeración que está a formarse dentro das escolas de todo o concello”.


© by Abertal