O Concello

Departamentos

* O Concello transmite a Costas a urxencia do proxecto do paseo marítimo de Area da Vila para protexer ás vivendas do mar 03/03/2021

O Concello transmite a Costas a urxencia do proxecto do paseo marítimo de Area da Vila para protexer ás vivendas do mar

  • Sandra Insua e Sergio Caamaño reuníronse co xefe da Demarcación de Costas, Rafael Eimil, para amosarlle a súa preocupación polo estado dos edificios da Avenida da Coruña.
  • Os últimos temporais aceleraron o proceso de erosión dos taludes, que se atopan en dominio público e dificultan a intervención.
  • “A Lei de costas prohibe as actuacións en dominio público terrestre pero para impedir que esas vivendas sufran as consecuencias do cambio climático hai que buscar unha solución e o paseo marítimo creo que é a única”, explicou Sandra Insua.
  • A rexedora tamén manifestou a Rafael Eimil que ten a intención de desprazarse ao Ministerio en Madrid para transmitir a inquedanza destes veciños.  

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño, reuníronse hoxe co Xefe da Demarcación de Costas da Coruña, Rafael Eimil, para transmitirlle a urxencia de executar o proxecto do paseo marítimo de Area da Vila co obxectivo de protexer as vivendas da Avenida da Coruña da acción do Mar.  

No mes de novembro de 2020; nunha reunión telemática co subdirector xeral para a Protección de la Costa, Ángel Muñoz Cubillo; o Concello xa amosara a súa preocupación polo estado dos edificios e pedira que se dese luz verde á redacción dun novo proxecto para executar a 2ª fase do paseo.  

A pasada semana o Concello encargou a un enxeñeiro industrial e a unha xeóloga que visitaran a zona para avaliar o seu estado actual e constataron que, tralos últimos temporais, se acelerou o proceso de erosión dos taludes, que se atopan en dominio público e dificultan a intervención.  

Sandra Insua explicou que “a Lei de Costas prohibe as actuacións en dominio público terrestre pero para impedir que esas vivendas sufran as consecuencias do cambio climático hai que buscar unha solución e o paseo marítimo creo que é a única”.  

Pola súa parte, Rafael Eimil recoñeceu a dificultade da actuación pero comprometeuse a trasladar o asunto e a problemática existente ao Ministerio de Transición Ecolóxica para atopar unha solución inminente. A rexedora agradeceulle a predisposición e manifestou que ten a intención de desprazarse ao Ministerio de Transición Ecolóxica en Madrid “para transmitir a inquedanza destes veciños”.


© by Abertal