O Concello

Departamentos

* Camariñas repartirá máis de 1.600 euros en vales para consumir no comercio local co seu concurso de Entroido 02/02/2021

Camariñas repartirá máis de 1.600 euros en vales para consumir no comercio local co seu concurso de Entroido

  • En tres categorías diferentes, os participantes deberán enviar fotografías dos seus disfraces por diante e por detrás, dos que o xurado valorará o conxunto.
  • O prazo para participar no certame finalizará o próximo 12 de febreiro. Os gañadores anunciaranse o día 16 a través da páxina web e as redes sociais municipais.  

O Concello de Camariñas celebrará este ano o ‘Concurso de disfraces de Entroido Camariñas’, un certame de modalidade telemática con máis de 1.600 euros en premios en forma de vales para consumir en establecementos da vila. Deste xeito, promóvese a dinamización da economía dos comercios locais, un sector especialmente afectado polas consecuencias da COVID-19.  

As persoas interesadas en participar deberán enviar fotografías dos seus traxes por diante e por detrás ao departamento de Cultura do Concello de Camariñas. Terán que achegar, ademais, o formulario de inscrición e unha breve descrición do seu disfrace onde se especifique o nome do traxe, a categoría á que se presentan, os datos da persoa e o número de participantes no caso de tratarse dun grupo.  

Categorías  

O concurso terá un total de tres categorías: unha de carácter individual destinado a público infantil (nacidos antes do 2008); unha individual para adultos (nacidos a partir do 2008, incluído) e, finalmente, unha categoría de disfraces familiar, onde poderán participar os membros da mesma unidade familiar ou conviventes, a partir de dúas persoas.  

Premios  

Haberá un total de 1.625 euros en premios, que se emitirán en vales para consumir en establecementos de Camariñas. No concurso infantil individual repartiranse dez premios aos mellores disfraces, con 20 euros para cada un. No caso da categoría adulta individual, o primeiro premio será de 100 euros, o segundo de 75 e o terceiro de 50 euros.  

En canto ao certame familiar, o primeiro clasificado recibirá un vale de 300 euros, o segundo de 250 e o terceiro premio será de 200 euros. Ademais, os seis primeiros grupos en enviar as fotos familiares terán unha axuda económica de 15 euros por cada persoa participante, ata un máximo de 75 euros por grupo. Esta axuda non é acumulativa aos premios e só é aplicable á categoría familiar.  

Como participar  

As persoas interesadas en participar terán que enviar as fotografías, o formulario e os datos anteriormente descritos por correo electrónico a cultura@camarinas.net ou a través do Whatsapp 665 13 44 90.  

O prazo para presentarse estará aberto ata as 14:00 horas do 12 de febreiro. A decisión do xurado farase pública ás 20:00 horas do día 16 mediante a páxina www.camarinas.net e os perfís oficiais de Facebook e Youtube. Ese mesmo día tamén se compartirá nas redes sociais municipais unha peza audiovisual recompilando todas as imaxes recibidas.

Descargas relacionadas


© by Abertal