O Concello

Departamentos

* Camariñas celebrará o XXX Aniversario da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña no mes de outubro 12/01/2021

Camariñas celebrará o XXX Aniversario da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña no mes de outubro

  • A inauguración será o venres 8 de outubro, e a clausura será o martes 12, día do Pilar.  
  • En Semana Santa, data tradicional de festexo deste evento, organizaranse actividades adaptadas ao contexto sanitario vixente, ao aire libre, e co Encaixe como elemento protagonista.  

O Concello de Camariñas anuncia que o XXX Aniversario da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña celebrarase no mes de outubro, concretamente entre o 8 e o 12, martes e día do Pilar.  

Logo dunha extensa deliberación e de múltiples conversacións cos sectores que vertebran a economía do municipio, “sería terrible suspender por segundo ano consecutivo a Mostra do Encaixe”, subliña a alcaldesa, Sandra Insua.  

“Será un evento que estará marcado pola pandemia, aínda que agardamos que a situación nos últimos meses do 2021 sexa moito mellor que a que temos agora”, recalca Encarna Liñeiro, a concelleira de Encaixe. “Contemplamos estritas medidas de seguridade e hixiene e controlaremos os aforos de todas as salas”, di a edila.  

Pola súa banda, a directora da Mostra, Dolores Lema, anuncia que “con todo, organizaremos durante a Semana Santa, actividades ao aire libre e adaptadas ao contexto sanitario vixente, que terán o Encaixe como elemento protagonista”.  

E que a idea non é outra que combinar ambas celebracións. Por unha banda, a virtual, que tanto éxito tivera como alternativa no pasado 2020 e con “algunha que outra sorpresa”; e por outro lado, a presencial, sempre atendendo “á evolución da situación e con moita precaución”, insisten desde o Concello.


© by Abertal