O Concello

Departamentos

* O Museo do Encaixe é seleccionado para formar parte dunha guía dos museos máis relevantes de Europa no sector da artesanía 23/11/2020

  • O proxecto, titulado ‘Homo Faber Guide’ pode visualizarse a través da plataforma dixital https://www.homofaberguide.com/
  • Esta semana realizouse un proceso de documentación fotográfica de todo o material do museo para remitilo á Michelangelo Foundation, creadores da guía.  

O Museo do Encaixe de Camariñas foi seleccionado para formar parte da ‘Homo Faber Guide’, unha guía que seleccionará o máis interesante da artesanía e o deseño no ámbito europeo.  

Durante esta semana o Concello de Camariñas estivo levando a cabo un proceso de documentación fotográfica de todo o material do museo para remitirllo, xunto con información de cada peza e datos xerais do Museo do Encaixe, á Michelangelo Foundation, creadores da guía.  

O proxecto pode consultarse a través da web https://www.homofaberguide.com/, un espazo que ten como obxectivo destacar aos mellores artesáns de Europa e a aqueles museos, galería, obradoiros e tendas máis relevantes do sector, así como facilitar as alianzas  dentro da comunidade. Será unha plataforma moi atractiva visualmente, na que cada referencia ou institución terá a súa propia páxina con fotos, texto sobre a súa actividade e datos útiles (ubicación, horarios, etc.).  

“O obxectivo é que se converta nun foro de contacto para a comunidade de artesáns pero tamén nunha ferramenta para difundir a artesanía entre o público interesado, un paso máis no proceso de internacionalización do encaixe que estamos levando a cabo”, explicou a concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro.     

Homo Faber  

A Michelangelo Foundation é unha institución internacional dedicada a impulsar a artesanía e o deseño. No 2018 organizou por primeira vez o enconro de artesanía ‘Homo Faber’, único das súas características, que exhibiu obras de máis de 400 artesáns e deseñadores europeos. Este ano tería que celebrarse en Xapón a segunda edición, que se tivo que pospor a 2021 debido á expansión da COVID-19.


© by Abertal