O Concello de Camariñas continúa cos traballos de personalización de mobiliario urbano 19/09/2020
O Concello de Camariñas continúa cos traballos de personalización de mobiliario urbano
- Hoxe remataron os traballos de serigrafía dun dos bancos do municipio, no que se pode ler o "Camariñas, Camariñas" da tan popular canción.
- Trátase dunha proba piloto que continuará en función da acollida que teña entre a veciñanza.
O Concello de Camariñas continúa cos traballos de personalización de mobiliario urbano, logo de comezar hoxe as tarefas de serigrafía dun dos bancos do municipio. Neste pódese ler o ‘Camariñas, Camariñas’ da tan popular canción. Trátase esta dunha experiencia piloto, que se prolongará no tempo se a resposta dos veciños resulta positiva e satisfactoria.
Os diferentes elementos que se poderán atopar a veciñanza pola rúa estarán decorados con motivos e símbolos que recorden e potencien o sentido de pertenza a este lugar. Ademais diso, a intención é a de seguir dotando á vila dun encanto visual que atraia as miradas tanto dos habitantes de Camariñas como dos turistas que a visiten.
Dende o Concello destacan que “esta é unha iniciativa máis dentro dos numerosos plans e accións que estamos a levar a cabo para facer de Camariñas un lugar aínda mellor no que estar e tamén no que vivir. Malia que o sentimento de orgullo e pertenza que a nosa vila xera en todos nós e imposible de cuantificar, estas pequenas pinceladas da nosa historia que pretendemos plasmar pola rúa son unha boa forma de que calquera que nos visite poida captar o noso sentir”.