Camariñas recoñece o papel da muller en todos os eidos da vida a través da Mostra do Encaixe 10/09/2020
Camariñas recoñece o papel da muller en todos os eidos da vida a través da Mostra do Encaixe
- Desde a organización deste singular evento quérese facer fincapé na relevancia de muller como elemento vertebrador na sociedade camariñá.
- Ademais, destácase o empeño das mulleres costureiras, das que rexentan as tendas de Encaixe e apláudense iniciativas como a da compostelá Edith del Valle, quen acaba de lanzar unha liña de mascarillas que levan o nome de mulleres singulares de Camariñas.
Camariñas recoñece o papel da muller en todos os eidos da vida a través da Mostra do Encaixe. Desde a organización deste singular evento quérese facer fincapé na relevancia da muller como elemento vertebrador na sociedade camariñá.
Ademais, destacan o empeño das cincuenta mulleres costureiras de Camariñas que elaboraron material de protección para a veciñanza de xeito totalmente altruiísta; tamén o das mulleres que rexentan unha tenda de Encaixe e apláudense iniciativas como a da compostelá Edith del Valle, quen acaba de lanzar unha liña de mascarillas que levan o nome de mulleres singulares de Camariñas.
‘Desde a Mostra, como mulleres pero tamén como camariñás que somos, parécenos relevante reivindicar a figura da muller a través do Encaixe, polo que supón para o noso municipio, pero en diferentes ámbitos, como no tecido comercial e empresarial ou no deporte’, destaca Dolores Lema, a directora da Mostra.
Por outra banda, a concelleira de Encaixe, Encarna Liñeiro, quixo agradecer ‘o que todas elas fixeron e fan por Camariñas, polo Encaixe e, en definitiva, por cada un e unha de nós, por facer o municipio que hoxe somos: un referente Mundial’, declarou a edil.
Desde a organización da Mostra do Encaixe, estanse a preparar novas iniciativas de cara á XXX Edición da Mostra, para poñer en valor o papel da muller camariñá.