O Concello

Departamentos

* O Concello de Camariñas inaugura a nova aula "Raquel Moreira Carril" no Museo do Encaixe 02/07/2020

O Concello de Camariñas inaugura a nova aula

  • Hoxe abríronse ao público os Museos Municipais.  

No día no que volveron a abrir ao público os Museos Municipais de Camariñas, o Concello decidiu inaugurar a nova aula ‘Raquel Moreira Carril’ no Museo do Encaixe. Debido ao contexto sanitario actual foi un acto máis íntimo no que participaron a familia da homenaxeada e os seus compañeiros e compañeiras do Concello.  

O Museo do Encaixe pechara as súas portas a finais do ano 2019 para facer unha serie de reformas entre as que se incluía a adecuación do espazo da sala expositiva da planta baixa para transformala nun aula de palillo, que agora recibe o nome de Raquel Moreira Carril, técnica do museo e profesora da escola municipal de palillo e que faleceu hai dous anos.  

No acto participou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, que tivo unhas sentidas palabras en memoria da homenaxeada e tamén para todos os traballadores municipais e persoeiros do municipio que levaron e levan o nome de Camariñas por todo o mundo.  

Bos días a todas e a todos e grazas por asistir a esta apertura da aula museo Raquel Moreira Carril. Camariñas e un Concello de xente humilde, traballadora e, sobre todo, de persoas que no seu día a día fan de Camariñas un Concello grande. Raquel era dese tipo de persoas, era tan humilde que se nos estivese vendo creo que estaría enfadada porque lle fixésemos este recoñecemento, pero é xusto que está sala leve o seu nome porque en cada unha das esquinas de este Museo hai un recordo do seu traballo. Era unha persoa querida e coñecida por todo o pobo, que amaba o encaixe e que se esforzaba por transmitir o que significa esta tradición tanto aos mais pequenos como a todo aquel que visitaba o museo, era unha verdadeira embaixadora de Camariñas. Esta sala será unha aula museo onde os nenos e as nenas de Camariñas sigan aprendendo está arte milenaria como e o noso encaixe de bolillos á vez que o visitante poderá visitar exposicións de produtos únicos e de gran importancia no mundo do encaixe internacional. Despois desta crisis sanitaria que estamos a vivir quero aproveitar a ocasión para que este recoñecemento á nosa querida Raquel sexa tamén un recoñecemento a todos os traballadores e traballadoras do concello. Nesta crisis moitos dos que aquí estades demostráchedes unha especial vocación de servicio público, poñendo en risco a vosa saúde e a das vosas familias. Se Raquel estivese aquí sería unha das que estarían ó pe do canón para poder botar unha man no que fose. Desde o equipo de goberno: MOITÍSIMAS GRAZAS!  

Onte as redes sociais recordaban o afundimento do Beti Donosti, un barco afundido en Almería onde ían 7 camariñáns, unha estremecedora historia que debe ser recordada así como un recoñecemento a todos os mariñeiros mortos no mar.
O pasado mes de decembro acordábamos poñerlle o nome do pavillón a Víctor Vigo Gerpe, en recoñecemento a este ilustre camariñán e hoxe inauguramos esta sala que leva o nome doutra ilustre camariñana como o era Raquel.
Desde o equipo de goberno seguiremos facendo recoñecementos deste tipo porque Camariñas está cheo de xente ilustre, honrada e que levan o nome do noso pobo ao mais alto.
Sen máis, non quero estenderme, este museo reabre o público este 1 de xullo do 2020 con esta aula dedicada a unha camariñana que foi excelente esposa, excelente nai, excelente irmán e excelente filla e que quedara no recordo de todos nós como unha gran loitadora e, sobre todo, por ser unha artista do encaixe, moitas grazas”.


© by Abertal