O Concello

Departamentos

* Sandra Insua mantivo unha reunión coa veciñanza da Ponte do Porto para tratar a situación do servizo de auga 01/06/2020

Sandra Insua mantivo unha reunión coa veciñanza da Ponte do Porto para tratar a situación do servizo de auga

  • O encontro estaba previsto que se celebrase no Centro Cultural pero, debido á elevada afluencia de xente, trasladouse ao exterior.
  • Era a única parroquia do Concello que aínda contaba con conexións a unha rede privada, que comunicou que deixará de prestar servizo en setembro.
  • Os interesados deberán a acudir ao Concello cando desexen para darse de alta.
  • Sandra Insua indicou que, se ningunha asociación se quere facer cargo da captación, o Concello solicitara a súa concesión a Augas de Galicia.  

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, mantivo onte unha reunión cos veciños e veciñas da Ponte do Porto para tratar a situación do servizo de auga xa que, a partir do 31 de agosto, deixará de prestar servizo a empresa ‘Aguas Vecinales de Ponte do Porto’.  

Debido á importancia do tema a tratar, ao encontro, que se ía a celebrar no interior do Centro Cultural, asistiron máis de 150 persoas polo que tivo que levarse a cabo no exterior dun xeito improvisado.  

E é que a parroquia da Ponte do Porto é a única de todo o municipio que aínda contaba cunha rede de auga veciñal polo que non todos os seus habitantes estaban conectados á rede municipal, que foi construída hai anos cun investimento de preto de un millón de euros.    

A partir do 31 de agosto, data na que deixa de prestar o servizo a empresa, o Concello será o que asuma a xestión da auga na Ponte do Porto. Os interesados e interesadas en darse de alta na rede municipal só deben acudir á Casa do Concello xa que todos dispoñen nas súas casas das tubaxes e acometidas con con contador grazas a obra que levou a cabo o Concello hai 10 anos e que no seu momento supuxo un investimento de máis de un millón de euros.  

Captación da Ponte do Porto  

Na reunión de onte a rexedora tamén lles transmitiu á veciñanza que a intención do Concello de Camariñas é a de conseguir a concesión da captación que estaba a usar ‘Aguas vecinales de Ponte do Porto. Aínda así, matizou que o fará “sempre e cando non haxa ningunha asociación que o queira facer, se hai alguén interesado en prestar o servizo que viña facendo a familia De La Fuente o Concello non se interporá”.  

Explicou que “se non aparece naide, o propio Concello solicitará a captación, que supón un trámite administrativo largo e, unha vez concedida, terá que acometerse unha importante obra para poder facer chegar a auga á ETAP e despois a todos os veciños. Isto suporá que, nun futuro, a auga do Concello chegará dos mellores mananciais da zona: o embalse do Pichón e o manancial da Ponte do Porto”.  

Trámites para darse de alta  

A documentación requirida para levar a cabo o trámite será simplemente o recibo do IBI e o DNI do que vaia a ser o titular do servizo e o recibo da contribución da vivenda. Se neste último documento aparece un titular diferente ao que quere facer o novo contrato terán que acudir as dúas persoas. No caso de que o titular sexa unha persoa falecida tamén se deberá entregar a escritura notarial que certifica que esa persoa é propietaria desa vivenda.  

No momento da alta cobrarase en total 144,82 euros, dos que 17,03 euros son polo abono ao servizo e 127,79 euros polos dereitos de acometida. Mensualmente, polo aluguer de contador, establecerase unha taxa de 1,71 euros que fará 30,78 euros ao remate do ano. O consumo pasarase a final de ano e a lectura do contador será sempre de maio a maio.  

Sandra Insua agradeceu especialmente “o trato e a compresión que amosaron ante a posición do Concello todos os veciños e veciñas que se achegaron ao centro cultural” e entende o seu malestar inicial xa que é coñecedora de que “era un servizo de auga moi querido na Ponte do Porto”.


© by Abertal