Camariñas instala carteis coas principais medidas para levar a cabo unha reapertura segura das praias 26/05/2020
Camariñas instala carteis coas principais medidas para levar a cabo unha reapertura segura das praias
- Colocaranse nos 13 areais do municipio.
- Recoméndase manter a distancia social, o deporte individual, grupos de 15 persoas como máximo e a hixiene frecuente de mans.
- “Non dispoñemos de medios para controlar o aforo pero si que podemos concienciar á xente de que, se todos extremamos as precaucións, ir á praia pode ser seguro”, explicou Sandra Insua.
O Concello de Camariñas instalará hoxe, coincidindo coa reapertura das praias para o baño como medida de alivio asociada á Fase 2 da desescalada, carteis informativos coas principais medidas para facer un uso seguro destes espazos.
A cartelería instalarase nos 13 areais cos que conta o municipio: Camelle, Arou, Lobeiras, Santa Mariña, Trece, Reira, Pedrosa, Lago, Area da Vila, Lingunde, Ariña Branca, Rego dos Coiros e Ariño.
Nos carteis expóñense as principais medidas de protección e hixiene que se deben seguir nas praias: manter a distancia social de dous metros cun perímetro que inclúe os obxectos persoais, os grupos deben ser como máximo de 15 persoas e respectar a distancia de seguridade, evitar o deporte colectivo optando por outras alternativas individuais e realizar unha hixiene frecuente de mans facendo uso do xel hidroalcohólico.
A temporada oficial de baño aínda non comezou polo que, ata ese momento, as praias non contarán cos servizos habituais que dispoñen durante os meses de maior afluencia: socorrismo, aseos, duchas...
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou hoxe que “para nós é moi complicado establecer sistemas de control de aforo, non contamos cos medios suficientes para atender todo o que isto supón, pero a través de iniciativas como esta si que podemos concienciar á xente de que, se todos extremamos as precaucións, ir á praia pode ser seguro”.