· Irán acompañadas dun diploma dirixido aos nenos e nenas e firmado pola alcaldesa, Sandra Insua.
· Para a súa fabricación utilizouse material TNT de triple capa, aumentando a protección.
· Serán repartidas a domicilio a través de Protección Civil.
O luns, 26 de abril, os nenos e nenas de toda España xa poderán comezar a saír ás rúas seguindo as instrucións marcadas polo Goberno. Por iso, o Concello de Camariñas comezará hoxe, venres 24 de abril, o reparto das máscaras infantís artesanais fabricadas a través das máis de 50 voluntarias coordinadas polo departamento da Mostra do Encaixe.
Estas máscaras están dirixidas a nenos e nenas do municipio de entre 2 e 14 anos e están feitas con Tejido No Tejido (TNT) de triple capa, aumentando así a protección con respecto as xa fabricadas para os adultos, que eran de doble capa. Hai modelos de distintas tallas para poder adaptarse aos rangos de idade anteriormente indicados. A tela é de cores para que esteticamente sexan máis vistosas.
Os voluntarios de Protección Civil serán os encargados de levar a cabo o reparto casa por casa. No momento da entrega os nenos e nenas de Camariñas recibirán un diploma firmado pola alcaldesa, Sandra Insua, ‘por comportarse como un auténtico campión e campioa na cuarentena pola COVID-19’.
Sandra Insua explicou que “levaremos a cabo o reparto durante toda a fin de semana, que a xente estea tranquila porque temos máscaras suficientes para todos os nenos” e tamén destacou que “actuamos con previsión pensando no momento no que se levantara o confinamento dos pequenos e grazas a iso agora poderemos facilitarlles máscaras para usar na rúa desde o primeiro día”.
A maior festa infantil da historia de Camariñas
Ademais, a alcaldesa quixo recordarlles hoxe aos nenos que “xa non queda nada para volver a estar cos vosos amigos e amigas e, en canto a situación o permita, lembrade que celebraremos todos xuntos a maior festa infantil da historia de Camariñas como regalo polo ben que o estades a facer, cumprindo todas as normas”.