· O obxectivo é intentar paliar os danos económicos xerados pola COVID-19 na hostalaría, comercio, mar, etc.
Hoxe, xoves 9 de abril, tivo lugar outra comisión de seguimento da evolución do Coronavirus en Camariñas. No encontro telemático acordouse iniciar as xestións para crear unha liña de axudas económicas dirixidas aos sectores máis afectados pola crise sanitaria que estamos a vivir.
O obxectivo destas subvencións, que se concretarán e regularán proximamente, será o de axudar a paliar os danos económicos xerados pola COVID-19 en sectores como a hostalaría, comercio, mar, etc.
A alcaldesa, Sandra Insua, explicou hoxe en que “estamos traballando día a día e sen descanso para conter a expansión do Coronavirus pero tamén temos que pensar no futuros” e incidiu en que “non vamos a deixar que nin as nosas xentes nin as nosas empresas se queden atrás, queremos axudalos a que cando pase esta crise poidan saír adiante e continuar coa súa vida tal e como o viñan facendo”.
Outros temas
A comisión tamén serviu para notificar que, a petición do CHUAC, se enviaron ao complexo hospitalario unha mostra das 15.000 máscaras fabricadas polas voluntarias de Camariñas para que revise a súa eficacia.
Desde o goberno local informouse de que o reparto de máscaras feito por Correos casa por casa xa rematou e que, se algún veciño ou veciña non o recibiu, se poña en contacto co Concello para que se articule a entrega. Ademais, estase a valorar a creación de máscaras especiais para os nenos e nenas do municipio.
Por outra banda, informouse como sempre das actuacións das forzas de seguridade, que desde o comezo do Estado de Alarma xa se viron obrigados a tramitar 8 denuncias pero aínda non se levou a cabo ningunha detención.
Os operarios municipais seguen traballando diariamente nas labores de desinfección de espazos e mobiliario público, reforzados polo persoal de limpeza que estaba traballando nos centros educativos, pavillóns, mercado e cemiterio e que tamén está a desinfectar e limpar os coches municipais (camión do lixo, policía, protección civil, etc.) e o almacén.
Constatouse que o servizo de atención telefónica ‘Non estades sós’ habilitado polo Concello segue funcionando para realizar funcións de acompañamento ou de compra de produtos de primeira necesidade a quen o requira. Polo momento, hai 6 usuarios aos que se lle fai a compra e vai á farmacia.