O Concello

Departamentos

* Camariñas organiza a primeira Mostra do Encaixe virtual da historia 08/04/2020

Camariñas organiza a primeira Mostra do Encaixe virtual da historia

·        Terá lugar do 8 ao 12 de abril e desenvolverase a través da páxina de Facebook da Mostra
·        Todos os colectivos implicados no funcionamento habitual do evento enviaron os seus vídeos para a ocasión.
·        A programación organízase por bloques, seguindo unha estrutura similar á do calendario orixinal.
·        “A trinta edición do evento celebrarase no ano 2021, con máis forza ca nunca”, destaca a alcaldesa, Sandra Insua.  

O Concello de Camariñas organizará do 8 ao 12 de abril a primeira Mostra do Encaixe virtual da historia. Unha iniciativa que implicará a todos os colectivos implicados no funcionamento habitual do evento e que se desenvolverá a través da páxina de Facebook da Mostra (@mencaixedecamarinas).  

A crise sanitaria xerada pola expansión da COVID-19 fixo que o Concello de Camariñas tivese que cancelar a XXX Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Unha decisión inédita para responder a un contexto nunca visto e que agora ten unha reacción novidosa, adaptándose ás posibilidades que ofrece a tecnoloxía.  

Para o desenvolvemento desta ‘Mostra Virtual’ elaborouse unha programación por bloques, seguindo unha estrutura similar á que podería ter o calendario habitual do evento, e que inclúe franxas específicas para Grandes Deseñadores, Jóvenes Deseñadores, Artencaixe, Pequencaixe, Xuntanzas Palilleiras, Delegacións Internacionais, Empresas, Artistas, Voluntarios, Stands e Medios de Comunicación.  

O Departamento da Mostra do Encaixe pediulles a todos estes colectivos que enviasen os seus vídeos presentándose e transmitindo ánimo e forzas para volver a reencontrarse e afrontar aínda con máis gañas a trinta edición do evento, que se celebrará no ano 2021.  

Os vídeos irán subíndose seguindo a programación deseñada, polo que os interesados ou interesadas en seguir esta Mostra Virtual xa poden consultar a que hora conectarse para ver aos Grandes Deseñadores, aos aspirantes ao concurso de Jóvenes Deseñadores ou para escoitar o son dos palillos nas mans das palilleiras.  

Mañá, mércores 8 de abril, será a xornada inaugural e, como tal, correrá a cargo das institucións. A partir das 16 h. participarán o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; a directora xeral de Comercio, Sol Abeal; a xerente do Centro de Artesanía e do Deseño; Elena Fabeiro Castro; o alcalde de Serra d’El-Rei, Jorge Amador; a vicepresidenta de Peniche, Ana Rita Petinga; e o alcalde de Novedrate; Serafino Grassi. E despois será a quenda para o claro protagonista da trinta edición da Mostra, o modelo internacional Damián Álvarez, natural de Vimianzo, que deixará paso ao presidente da Asociación de Creadores de Moda de España (ACME), Modesto Lomba, para rematar a xornada coa primeira aparicións dos Grandes Deseñadores.  

Sandra Insua explicou que “como xa sabedes foi unha decisión moi dura a de ter que cancelar a Mostra do Encaixe pero penso que, grazas a esta iniciativa, farase un pouco máis doado o camiño ata 2021, ano no que celebraremos a trinta edición, con máis forza ca nunca”.  

“A forza da tradición é imparable”, aseverou a Concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro, que agarda que “ a Mostra Virtual teña unha boa acollida” e tamén agradeceu a participación de todos os colectivos e destacou a importancia de “sumar forzas e ánimos nos tempos que nos está a tocar vivir”.


© by Abertal