O Concello

Departamentos

* Camariñas reactiva a recollida porta a porta de voluminosos seguindo un procedemento especial 27/03/2020

Camariñas reactiva a recollida porta a porta de voluminosos seguindo un procedemento especial

·        A veciñanza terá que apuntarse chamando ao 981 736 000 e só se recollerá un máximo de tres elementos que non ocupen máis de 4 metros cúbicos.  

O Concello de Camariñas detectou que nos últimos días se están a acumular varios residuos voluminosos nas rúas. Hoxe, venres 27 de marzo, procederase á súa retirada e, debido a que se prevé que este tipo de situacións continúe repetíndose, decidiuse reactivar a recollida porta a porta deste tipo de residuos pero seguindo un procedemento especial, derivado da situación actual de crise sanitaria provocada pola expansión do COVID-19.  

A veciñanza terá que anotarse chamando ao teléfono 981 736 000 dando os seus datos persoais, dirección e teléfono de contacto. Tamén deben indicar o tipo de voluminoso que queren que se lles recolla, cun máximo de tres elementos que non ocupen máis de 4 metros cúbicos. Desde o goberno local inciden en que “só se recollerá isto e nada a maiores, se hai máis voluminosos deben apuntarse para  próxima ocasión”.

Desde o servizo de recollida encargaranse de chamar por teléfono aos usuarios e usuarias para comunicar que día os recollen e os veciños deben deixalos fóra entre a noite do día anterior e a mañá do mesmo día da recollida. “Hai que deixalos na vía pública, o máis preto á porta da súa casa pero nunca impedindo o tráfico de persoas e vehículos. Tirar residuos na vía sen estar apuntado será motivo de sanción”, recordan desde o goberno local.  

Os voluminosos que se recollen a través deste servizo especial son plásticos grandes, metais, electrodomésticos, mobiliario, botes de pinturas ou equivalentes, fluorescentes, baterías e pilas.    

Non se pode empregar este servizo para baldeirar vivendas. Para este tipo de actuacións o propietario ou propietaria terá que contratar un contedor de obra a unha empresa autorizada. Ademais, é un servizo de uso exclusivo veciñal. As empresas terán que xestionar os seus propios residuos como di a normativa autonómica


© by Abertal