· Fabricaranse 14.000 con ‘tejido no tejido’ (TNT) que adquiriu o Concello.
· As outras 1.000 serán fabricadas con algodón 100%, doado pola empresa Yutes (Barcelona).
· Repartiranse entre as persoas máis vulnerables, traballadores, e tamén ao conxunto da poboación.
· Non son homologadas, polo que non poden ser empregadas no ámbito sanitario.
O Concello de Camariñas acaba de iniciar o proceso de confección dun total de 15.000 mascarillas que posteriormente repartirá ás persoas en situación de risco e ao conxunto da poboación para loitar contra a expansión do COVID-19.
O goberno local mobilizou ao departamento da Mostra do Encaixe para que, a través dos seus contactos, se puidese conseguir o material e crear unha rede de voluntarios para confeccionar mascarillas de protección para a cidadanía e minimizar así os contaxios por coronavirus.
Esta rede de voluntarios, que traballará desde os seus fogares, está formada por 40 persoas, que se dividirán entre corte e costura para crear as mascarillas, que se farán todas con tela doble para maior protección. Fabricaranse 14.000 con material ‘tejido no tejido’ (TNT) que adquiriu o Concello e outras 1.000 con algodón 100% doado pola empresa Yutes, de Barcelona. O material está sendo distribuído polos axentes da Policía Local e Protección Civil nas casas dos voluntarios.
Estes operarios serán tamén os encargados de recoller todas as mascarillas cando estean listas e tamén se encargarán do reparto. Este material estará dirixido ao conxunto da poboación, en especial aos colectivos máis vulnerables e aos traballadores.
O reparto farase a través das empresas que teñen que estar abertas ao público: supermercados, farmacias, panadarías, tendas de alimentación, agro... Ademais de facilitarlles mascarillas para os seus traballadores deixaráselles un stock para que as persoas que vaian mercar as poidan coller.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, recordou que “aínda que estas mascarillas non son válidas para o persoal sanitario ao non estar homologadas, son unha ferramenta útil para o día a día dos veciños e veciñas de Camariñas nuns tempos nos que é moi difícil atopar este produto”.