O Concello

Departamentos

* Constitución da comisión de seguemento do COVID19 20/03/2020

Constitución da comisión de seguemento do COVID19

O Concello constitúe unha comisión de seguimento para avaliar a evolución do COVID-19 en Camariñas:

  • Os integrantes, presididos pola alcaldesa Sandra Insua, reuníronse por primeira vez esta mañá por videoconferencia.
  • Informouse das tarefas que desenvolve o persoal municipal e aprobouse un protocolo de atención psico-social de urxencia e emerxencia ante o Estado de Alarma.
  • A día de hoxe non hai ningún infectado.

Hoxe, a través dunha videoconferencia, quedou constituída a comisión municipal de seguimento para avaliar a evolución do Coronavirus (COVID-19) e o cumprimento das medidas decretadas polo Estado de Alarma no Concello de Camariñas.

Esta comisión está formada pola alcaldesa, Sandra Insua; o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño; a concelleira de Cultura, Encaixe e Turismo, Encarna Liñeiro; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Begoña Tajes; e o responsable de Protección Civil, Luis Carreira.  

En primeiro lugar, deuse conta das actuacións específicas que están a levar a cabo as forzas de seguridade para garantir o cumprimento das medidas decretadas nos últimos tres días de Estado de Alarma. Desde o luns, 16 de marzo, identificáronse un total de 21 persoas, interceptáronse 4 vehículos, propúxose algún tipo de sanción para 1 persoa e non se detivo a ningunha.

Ademais, informouse e analizáronse as diferentes actuacións que se están a levar a cabo nesta situación de crise sanitaria como o fumigado dos espazos e mobiliario público; o reparto de material de protección como mascarillas, luvas e batas entre as auxiliares do SAF; o método de teletraballo e atención telefónica ao público que están a realizar os traballadores do Concello; e a actualización das novas a través das redes sociais e da aplicación de avisos. 

Tamén se deu coñecemento á comisión de seguimento que, a día de hoxe, non hai ningún infectado en Camariñas e trasladouse a iniciativa do médico do centro de saúde de Camelle, Fernando Cuadrado, que se ofreceu como enlace para falar cos outros facultativos do Concello para poder comunicar as novidades sobre o coronavirus en todo o municipio. 

Protocolo de Servizos Sociais
Aprobouse por unanimidade o último punto da orde do día: o estudo do protocolo de atención psico-social de urxencia e emerxencia ante o Estado de Alarma polo COVID-19. Este documento, redactado pola traballadora social municipal, ten o obxectivo de establecer os mecanismos para poder atender ás necesidades psicosociais das persoas do Concello de Camariás máis vulnerables que se vexan afectadas por esta situación excepcional.

A próxima sesión da comisión de seguimento terá lugar o vindeiro luns , 23 de marzo, ás 10 horas.

ADXUNTAMOS GRÁFICO COAS ACTUACIÓNS DAS FORZAS DE SEGURIDADE DESDE O LUNS


© by Abertal