· O médico de Camelle, Fernando Cuadrado, xunto á Asociación A Pergoliña e o Concello de Camariñas son os impulsores desta segunda edición.
· O obxectivo é demostrar que a costume de ir ao bar pode ser compatible cuns hábitos de vida saudables.
Do 19 ao 22 de marzo celebrarase a segunda edición das Xornadas de Pinchos Saudables de Camelle, un evento organizado polo médico de Camelle, Fernando Cuadrado, xunto á Asociación A Pergoliña e o Concello de Camariñas co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables.
Tras o éxito do ano pasado, cando se celebrou a primeira edición destas Xornadas de Pinchos Saudables, os veciños e veciñas de Camelle solicitáronlle ao seu doutor que repetise unha iniciativa que xera movemento e visitas á parroquia de Camelle en xeral e á súa hostalaría en particular.
Este ano participarán catro establecementos: Estanco, Café Bar A Molinera (sábado e domingo), Bar Rotterdam e Café Bar Marítimo. Servirase un pincho diferente por día en cada bar, e todos serán saudables, evitando sempre os fritos e apostando polas verduras, frutas, etc.
Para todos aqueles que completen os catro bares e entreguen a cartilla debidamente marcada haberá un regalo sorpresa que correrá a cargo do Concello de Camariñas. Ademais, tamén entrarán nun sorteo dun vale de 100 euros.
Segundo destaca Fernando Cuadrado, o obxectivo desta iniciativa segue a ser o de “promocionar entre a poboación hábitos de vida saudables e demostrar que isto non ten por que estar en disputa coa costume de ir ao bar, xa que é un elemento socializador moi importante”.
Ademais, tamén explicou que “grazas á colaboración coa farmacia de Camelle, en cada bar poderá atoparse unha guía de consellos para complementar estes hábitos de vida saudables, como pode ser beber auga constamente, camiñar...”.