· Polo momento capturáronse 96 raíñas.
· O Concello solicitou a adhesión ao proxecto da Xunta para loitar contra esta especie invasora, que non contempla a campaña de trampeo.
O Concello de Camariñas iniciou neste mes de febreiro unha nova campaña de trampeo para loitar contra a vespa velutina. Polo momento, os operarios municipais encargados desta tarefa levan capturadas 96 raíñas desta especie invasora.
Ademais, solicitouse a adhesión ao proxecto da Xunta de Galicia para loitar contra a velutina. Aínda así, esta acción só contempla a retirada de niños e non inclúe a campaña de trampeo. “Para nós esta decisión é un erro, o trampeo elimina a raíña e reduce a formación de futuros niños”, lamentan desde o goberno local á vez que critican que “temos que asumir novamente co orzamento municipal o traballo que debería levar a cabo a Xunta”.
As trampas, de índole caseira, consisten nunha mestura de alcoles con substancias doces, como o vermú, viño blanco, zume de arándanos, e diversas variedades de alcol branco, como poden ser a xinebra ou o ron. De momento este tipo de mecanismo está a ter unha grande efectividade.
Estes elementos colócanse nas árbores con flor, onde a velutina se achega para polinizar as flores. Especialmente nas árbores con camelia, un dos favoritos do insecto.