O Concello

Departamentos

* Estrea do spot promocional da XXX Mostra do Encaixe de Camariñas 27/01/2020

Estrea do spot promocional da XXX Mostra do Encaixe de Camariñas

Hoxe, domingo 26 de xaneiro, veu a luz o spot promocional da XXX Mostra do Encaixe de Camariñas, despois de que o pasado mércores, en FITUR, tivese lugar a presentación oficial dunha nova edición deste evento de referencia no mundo da moda española durante a Semana Santa.   O vídeo lanzouse cara ao mundo a través das redes sociais da Mostra do Encaixe e tamén nunha nova web que se estreou hoxe: www.mostradoencaixe.es  

Datos do spot promocional  

Idea Orixinal

A idea orixinal do spot da Mostra do Encaixe 2020 foi obra de Diego Alonso e Raul Lorenzo e foi creado e protagonizado integramente por xentes da Costa da Morte. Para celebrar esta importante edición da Mostra do Encaixe, nada menos que a trixésima, quixemos romper coa típica imaxe que se ten deste arte milenario camariñán.  

Tipicamente a xente ven crendo dende sempre que o encaixe tan só pode usarse nas prendas femininas ou de decoración, cousa que non é certa dende que nas primeiras edicións da mostra se crearon esas prendas masculinas que todo o mundo podía ver nos desfiles de moda do certame encaixeiro camariñán. Pero a pesares disto, nunca se puido trasladar realmente este concepto unisex do encaixe. Así decidimos romper un pouco con esta idea preconcebida que a gran maioría da xente ten do encaixe, elaborando un spot promocional e un cartel no que, por primeira vez na historia, o protagonista sexa o encaixe vestido por un modelo masculino (Damián Álvarez). É a primeira vez que un home é a imaxe do cartel da Mostra).  

Resumo do spot da Mostra do Encaixe 2020

O spot trata sobre un "celebrity" que anda buscando, coa axuda da súa parella, un chaqué para asistir a unha gala de alfombra vermella da moda. Despois de percorrer varias tendas de alta costura da gran cidade, os protagonistas non atopan nada que lles convenza e deciden deixar de buscar e tomarse un respiro cun paseo pola Costa da Morte recalando finalmente en Camariñas. En primeiro lugar visitan, como non podía ser doutro xeito, os lugares de Vilán, Trece e Monte Branco. Despois acércanse ao porto camariñán e deciden comer nun restaurante do concello. E é alí onde descobren en internet o Museo do Encaixe e aló se dirixen finalmente para coñecer de que se trata.  

Percorren xuntos toda a exposición marabillados do que as palilleiras de Camariñas son capaces de crear e, cando están a punto de rematar a visita, atopan o chaqué adecuado que o noso protagonista lucirá nesa gala tan importante na que estaba citado. O traxe en cuestión é un luxoso chaqué de brillos adornado con detalles de encaixe: a paxarela, os xemelos, un espectacular fajín con incrustes de encaixe e os impresionantes zapatos con encaixe.  

Na seguinte escena xa aparece o protagonista do spot saíndo dun luxoso coche na alfombra vermella do evento e rodeado de decenas de admiradores que quedan impresionados co traxe provinte de Camariñas con eses detalles de encaixe que o seu ídolo luce na gala da moda. Ao final Damian sube a escalinata do evento e remata o vídeo co logo da Mostra do Encaixe 2020.  

Curiosidades do spot

A gravación, na que participa tamén a rapaza da Costa da Morte Tamara Rey como acompañante do protagonista, tivo lugar en ata dez localizacións de grabación distintas: Carballo (tenda Alonso Moda), Coruña (Avda Finisterre tenda Miguel Hombre e Calle Real) , Camariñas (Faro Vilán, Monte Branco, praias de Reira, Porto de Camariñas e Retaurante A Marina), Coruña outra vez (Zona de Palexco onde se montou o set da alfombra vermella) Camariñas (Estudio Diego Alonso).  

- Gravación que se desenrolou durante un total de sete días e a montaxe que durou outras sete xornadas.
- O cartel da Mostra 2020 foi idea orixinal e creación do fotógrafo e creativo camariñán Diego Alonso Freire.
- A música do spot foi creada especialmente para este anuncio polo músico camariñán Carlos Barcia coa axuda do seu irmán Fran Barcia.
- Neste clip traballaron e colaboraron un total de 143 persoas entre: protagonistas, extras, operadores de cámara e dron, fotógrafos, barbería e maquillaxe así como organización, planificación e xestión.  

A dirección do spot quere agradecer a colaboración das tendas de moda "Miguel Hombre" da Coruña e "Alonso Moda" de Carballo e "Restaurante A Marina" de Camariñas  


Apunte sobre o protagonista Damián Álvarez


O protagonista do cartel da Mostra do Encaixe de Camariñas 2020 é o modelo internacional Damián Álvarez Tajes (19/05/1992 Delemont, fillo de emigrantes galegos), veciño do lugar de Magro (Pasarela-Vimianzo) situado a tan só 15 quilómetros de Camariñas. O currículo deste modelo é realmente impresionante dende fai 5 anos traballa ao máis alto nivel no mundo da moda. Ata finais do ano pasado tivo que recorrer medio mundo dende as Illas Canarias ata os Estados Unidos pasando por Sudáfrica ou Reino Unido recalando finalmente na glamurosa cidade de Milán en Italia. Alí Damián ten a súa base loxística onde traballa para unha recoñecida firma de representación de modelos internacionais. Entre as firmas máis importantes para as que traballou Damián figuran Guess, Versace, Armani, Dolce&Gabbana, Lamborghini, Amdrea Versali, McDonalds, Stradivarius, Concrete, Tata Italia, Mulish, etc... desfilando en pasarelas da importancia de GUESS SHOW, Pitti UOMO, Bridal Barcelona Fashion Week, FIERE PROMESSI SPOSI SHOW, Tenerife Moda. Tamén o puidemos ver en editoriais das revistas de moda da importancia de Vanity Fair, Vogue y Lifestyle Magazine. Todo este currículo dun rapaz dunha aldea perdida da Costa da Morte...

Videos relacionados


© by Abertal