· A iniciativa englóbase dentro do proxecto ‘Camariñando’.
· O regalo consistirá nun libro, un babeiro de encaixe e unha tarxeta de felicitación.
Os nenos e nenas que nazan en Camariñas no ano 2020 chegarán ao mundo cun regalo baixo o brazo. O goberno local decidiu dar a benvida a todos os recén nacidos a partir do 1 de xaneiro cun agasallo que consistirá nun libro na súa lingua materna, un babeiro de encaixe e unha tarxeta de felicitación co lema: “Un nacemento e un libro son o comezo de todos os sucesos marabillosos”.
Esta iniciativa forma parte do proxecto ‘Camariñando’, da biblioteca municipal, co que se promoven iniciativas culturais cun selo propio. “Despois de ‘Camariñar’ coa ciencia, pola igualdade e con Leonardo da Vinci agora é o momento de sumarse á celebración do 30 aniversario da Mostra do Encaixe e ‘Camariñar co encaixe’, a artesanía identitaria de Camariñas, explicou a alcaldesa Sandra Insua”.
A entrega dun agasallo a todos os recén nacidos é a primeira das accións de ‘Camariñando co Encaixe’. O obxectivo desta iniciativa é vincular aos bebés e aos seus pais coa literatura, a biblioteca e a estética do encaixe xa que a promoción da lectura e o amor polo propio é a prioridade deste concello como elemento central do desenvolvemento dos nosos nenos e nenas.
“A política da biblioteca quere ser a de ter libros desde o primeiro día de vida, contos desde o berce. Converter o libro, do mesmo xeito que as nosas puntillas, nun instrumento da súa vida cotiá, nun instrumento de crecemento”, explicou Sandra Insua.
A tarxeta que recibirán os pais e nais conserva o deseño do carné da Rede de Bibliotecas co fin de visualizar este servizo.