· O Festival de Danzas Gremiais marcará a axenda de eventos da fin de semana no Concello camariñán.
· O evento está organizado pola concellaría de Cultura, Encaixe e Turismo do Concello de Camariñas.
O Festival de Danzas Gremiais de Camariñas comezará mañá, e a celebración extenderase ata o vindeiro domingo, día 18 de agosto.
O venres 16 de agosto, ás 17:00 horas, terá lugar o acto inaugural, cunha mini danza dos rapaces e rapazas participantes no campamento de verán de Camariñas. Xavier Álvarez, director da Escola Provincial de Danzas de Ourense, e Xosé Luis Blanco Campaña, periodista e cronista oficial de Camariñas, ofrecerán ás 19:00 horas unha charla sobre as Danzas Gremiais, na praza do Concello.
O sábado, 17 de agosto, abrirán o telón da xornada os grupos de gaitas ‘Con Toda en Banda’, e ‘Millo Verde’, ás 12:30 horas. Xa pola tarde, ás 17:30 horas, a danza dos arcos de Camelle tomará o relevo. Tamén haberá obradoiros, xogos e inchables e cantigas. Actuarán as pandereteiras do Cansorriño. ‘Mariachi Coruña Mex’ pechará a xornada ás 19:00 horas.
Para finalizar o Festival de Danzas Gremiais, o domingo 18 de agosto terá lugar un pasarrúas con ‘Charanga Nova Cubana’ e ‘Millo Verde’, ás 12:00 horas. Ás 13:30 horas, actuará o grupo ‘Danza de Espadas’, de Baiona. Pola tarde, ás 17:00 horas, danza das Abaladeiras de Muxía , danza de Arcos de Coucieiro, tamén de Muxía, Danza de Arcos de Cariño, Danza de Arcos de Camariñas e a ofrenda floral na estatua da Virxe do Carme. Amenizarán a xornada os grupos de gaitas ‘Abrindo Rejo’, ‘Con toda en banda’ e ‘Xaramiños do Corpiño’.
Organizada pola concellaría de Cultura, Encaixe e Turismo do Concello de Camariñas.