O Concello

Departamentos

* O Museo Man acollerá unha exposición sobre a traxedia do Prestige vencellada á figura de Manfred 22/07/2019

O Museo Man acollerá unha exposición sobre a traxedia do Prestige vencellada á figura de Manfred

O Museo Man acollerá unha exposición sobre a traxedia do Prestige vencellada á figura de Manfred  

·        A inauguración terá lugar o 26 de xullo.
·        Celebraranse asembleas para lembrar os acontecementos do Prestige e a figura de Man de Camelle.  

O Museo Man de Camelle acollerá do 27 de xullo ao 29 de agosto unha exposición titulada ‘Un Nunca Máis contado polas fillas de Manfred’ que xira en torno á traxedia do Prestige e tamén sobre a figura de Manfred Gnädinger, o alemán de Camelle.  

A exposición está promovida pola asociación Unha Gran Burla Negra, colectivo que recopilou pezas artísticas, poemas, imaxes, músicas, textos e intervencións, anónimas ou non, que desbordaron rúas e medios durante os meses nos que se estendeu a catástrofe do Prestige. Esta documentación forma agora parte dunha colección formada por 1.000 imaxes que ilustran o xeito no que afectou a catástrofe do Prestige e outras similares ás vidas da poboación, incluída a de Man.  

A exposición segue un fío argumental relacionado coas catro fillas de Manfred (Lucía, Teresa, Eugenia e Rosalía) que supostamente enviaron ao Museo catro caixas cheas de documentación xerada a partir das súas investigacións ao redor do afundimento do Prestige.  

O obxectivo desta mostra según a súa comisaria, María Bella, é “facer memoria, celebrar o empoderamento colectivo e a unión lograda naquela época entre persoas de diferentes lugares, e recuperar esta conciencia para aplicala no presente e imaxinar o futuro que queremos nun tempo no que a cuestión medioambiental está moi vixente”.  

Asembleas da memoria  

A inauguración da exposición terá lugar o próximo venres, 26 de xullo. Ademais, como complemento, celebraranse dúas asembleas para lembrar os acontecementos do Prestige e a figura de Man de Camelle.  

A primeira, que terá lugar o mesmo 26 de xullo previamente á inauguración, ás 18 horas, busca reunir a diferentes persoas que viviron dun xeito ou outro as consecuencias do afundimento do petroleiro para, a través das súas testemuñas, “comprender mellor ese Nunca Máis que foi de todos e de ninguén”, explica María.  

Por outra banda, o venres 23 de agosto ás 18 horas celebrarase a segunda destas asembleas, que pretende revivir a figura de Man “desviando a atención do que se di e poñendo o foco especialmente sobre a memoria das experiencias que compartiron outras persoas, veciños e veciñas da zona, con él”, comenta a comisaria.


© by Abertal